O BNG de Vimianzo apoia as familias de Baíñas e reclama frear os recortes no CEIP

O partido nacionalista pide implicar a todos os grupos municipais e reclama unha resposta conxunta para defender o futuro do centro educativo

Vimianzo, 29 de agosto de 2026. O BNG de Vimianzo mantivo este venres, 28 de agosto, unha reunión con familias e veciñanza de Baíñas para analizar a decisión da Consellería de Educación de reducir de seis a catro o número de docentes do CEIP da parroquia.

Durante o encontro, a formación nacionalista mostrou o seu apoio ás familias e advertiu das consecuencias que pode ter a redución de profesorado para o futuro do centro. “Consideramos que esta medida supón un peche encuberto, pois a agrupación de niveis pode xerar desconfianza nas familias e acelerar o debilitamento do centro”, sinalaron desde o BNG.

Familias e representantes do BNG coincidiron na necesidade de implicar a todos os grupos municipais do Concello de Vimianzo e solicitar canto antes unha reunión conxunta que permita establecer unha posición común na defensa do colexio.

O BNG considera especialmente preocupante que “cunha diferenza dun só alumno, se recorten dous docentes”, e denuncia a contradición entre os anuncios da Xunta de Galicia sobre o incremento do profesorado e a situación que, segundo a formación, están a vivir os centros educativos do rural.

Desde o BNG de Vimianzo fixeron tamén un chamamento á participación de toda a veciñanza para defender o CEIP de Baíñas. “O futuro do colexio é tamén o futuro social e económico da parroquia”, afirmou a formación nacionalista, que aposta por unha resposta colectiva para evitar o progresivo debilitamento do centro.

A formación reclama así á Consellería de Educación que revise a decisión e que garanta os recursos necesarios para manter unha atención educativa axeitada e preservar a continuidade do centro de Baíñas.