Mazaricos acolle o IV Encontro Burla Verde baixo o lema «O rural galego non está en venda»

A cita reunirá os días 5 e 6 de setembro en Santiago de Arcos colectivos e plataformas de todo o país para abordar a presión eólica, mineira, industrial e enerxética sobre o territorio

Mazaricos, 31 de agosto de 2026. — Santiago de Arcos, en Mazaricos, converterase os vindeiros 5 e 6 de setembro no punto de encontro de colectivos, plataformas, asociacións e persoas procedentes de distintos puntos de Galicia con motivo do IV Encontro Burla Verde.

A iniciativa nace co obxectivo de poñer en común as diferentes loitas pola defensa do territorio e trasladar unha mensaxe: os conflitos que afectan o rural galego poden ter nomes e localizacións diferentes, pero, segundo os organizadores, responden a unha mesma lóxica de ocupación e explotación do territorio.

O encontro abordará cuestións como a implantación de parques eólicos terrestres e mariños, a megaminería, as plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais, os grandes complexos industriais, as novas infraestruturas eléctricas, os encoros e as centrais hidroeléctricas reversibles.

Mazaricos, símbolo da presión enerxética

A elección de Mazaricos non é casual. A organización sinala que o concello e a contorna do Xallas representan un exemplo da acumulación de infraestruturas enerxéticas nun mesmo territorio ao longo das últimas décadas.

Só Mazaricos conta con máis de 120 aeroxeradores, aos que se suman os existentes en municipios próximos. No propio concello están tamén sobre a mesa novos proxectos, entre eles os polígonos eólicos Alvite II e A Ruña III, as balsas reversibles da Ruña e varias plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais.

Para Burla Verde, esta situación evidencia unha crecente saturación territorial. «Non estamos falando dun territorio que se negue a contribuír á produción enerxética. Estamos falando dun territorio que leva décadas facéndoo e ao que se lle segue pedindo máis», sostén a organización.

A Ruña será un dos principais símbolos desta edición, aínda que os participantes pretenden ampliar o debate ao conxunto de Galicia e conectar conflitos que, segundo explican, durante anos foron tratados como problemas illados.

Un programa con debate, formación e cultura

O encontro comezará o sábado ás 10.00 horas cun obradoiro xurídico centrado nas ferramentas para defender o territorio, desde a presentación de alegacións ata a vía contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, incluíndo información sobre prazos, recursos e acceso á xustiza gratuíta.

O programa incluirá tamén unha conferencia de Juan Ramón Vidal Romaní sobre os riscos das balsas reversibles, o Foro do Territorio, unha mesa específica sobre A Ruña, presentacións de libros, literatura, teatro, música, regueifa, unha feira de produtos tradicionais e artesanía, feira do libro, Radio Burla Verde e unha andaina entre Santiago de Arcos e A Ruña.

A organización pretende combinar así formación, debate e convivencia para favorecer que os diferentes colectivos poidan compartir experiencias e establecer redes de colaboración máis alá da propia fin de semana.

Reclaman maior participación cidadá

Burla Verde critica tamén o papel das administracións públicas e reclama unha maior participación das comunidades afectadas nas decisións que condicionan o futuro do territorio.

A organización considera especialmente relevante o debate sobre o futuro Plan sectorial eólico de Galicia e reclama que a cidadanía e os colectivos territoriais teñan un papel efectivo no seu deseño.

Neste sentido, os organizadores convidaron a participar no encontro á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; e aos representantes da patronal eólica. A intención, aseguran, é favorecer un debate directo sobre as políticas que afectan o rural galego.

A organización tamén expresa a súa preocupación polas críticas e presións públicas sobre os tribunais en relación con resolucións vinculadas a proxectos eólicos e defende a independencia xudicial como unha «liña vermella».

Chamamento aos medios públicos

Outro dos asuntos sinalados por Burla Verde é a cobertura informativa dos conflitos territoriais. A organización lamenta que a Televisión de Galicia non cubrise ningunha das tres edicións anteriores do encontro e reclama aos medios públicos unha maior atención aos conflitos ambientais e ao futuro do rural.

O IV Encontro Burla Verde pechará así unha cuarta edición que pretende converter Mazaricos nun espazo de encontro entre diferentes movementos sociais e territoriais.

A mensaxe central dos organizadores resume a súa posición: «O rural non se vende. Deféndese. E imos seguir defendéndoo».