
A formación nacionalista acusa a presidenta da Federación de utilizar a entidade con fins partidistas e de contribuír á criminalización da inmigración
Costa da Morte, 1 de setembro de 2026. O BNG da Costa da Morte anunciou que non participará nas concentracións convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para este mércores, 2 de setembro, nos concellos, con motivo da situación vivida en Ceuta nas últimas semanas.
A formación nacionalista cuestiona a forma na que se promoveu a iniciativa, ao considerar que foi impulsada de maneira unilateral pola presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, sen un acordo previo dos órganos de goberno da Federación nin consenso entre as diferentes formacións políticas representadas na entidade.
O responsable comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, cualificou a convocatoria de “manobra unilateral do Partido Popular” e asegurou que a FEMP está a ser utilizada, ao seu xuízo, dentro da campaña política sobre inmigración que o PP desenvolve xunto a Vox.
Rodríguez afirmou que a iniciativa “non responde a un consenso municipalista”, senón que pretende “instrumentalizar a FEMP” e “alimentar a xenofobia e criminalizar a migración aproveitando un drama humano”.
O BNG tamén cuestiona a lexitimidade da convocatoria dentro da propia Federación e sinala que diferentes forzas políticas con representación na FEMP expresaron publicamente o seu rexeitamento á iniciativa e denunciaron un suposto uso partidista dos órganos da entidade.
A formación nacionalista lembra, ademais, que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) non forma parte da convocatoria nin manifestou o seu apoio a estas concentracións.
Malia a súa decisión de non participar nos actos, o BNG asegura que mantén a súa solidariedade coa situación que se vive en Ceuta e nas zonas fronteirizas. “Solidariedade significa esixir políticas de acollida dignas e dereitos humanos, non sumarse a actos de propaganda que deshumanizan as persoas migrantes”, afirmou Rodríguez.
O responsable comarcal do BNG reivindicou tamén a experiencia migratoria de Galicia como argumento para rexeitar a criminalización das persoas migrantes. “Como galegas e galegos, pobo historicamente emigrante que ten sufrido a necesidade de buscar futuro fóra da casa, rexeitamos categoricamente a criminalización dos fluxos migratorios e a xenofobia do bloque PP-Vox”, concluíu.