
O accidente produciuse sobre as 9:30 horas na AC-413, ao seu paso por Sofán
Unha persoa faleceu este mércores tras sufrir un accidente co seu tractor no municipio coruñés de Carballo. O sinistro produciuse arredor das 9:30 horas na estrada AC-413, ao seu paso pola parroquia de Sofán.
Un particular alertou o 112 Galicia ao informar de que un tractor saíra da vía. Nun primeiro momento, indicouse que a persoa implicada podería estar atrapada no vehículo, aínda que esta circunstancia foi descartada pouco despois polos equipos de emerxencias desprazados ata o lugar.
Tras recibir o aviso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia activou un operativo no que participaron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Carballo e a Policía Local.
A pesar da intervención dos servizos sanitarios, non foi posible salvar a vida da persoa accidentada, cuxo falecemento foi confirmado no mesmo lugar do sinistro.
A Garda Civil de Tráfico fíxose cargo das actuacións correspondentes para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o accidente.