
As redes sociais continúan a facerse eco das queixas veciñais pola acumulación de lixo en distintos puntos de Malpica. Se onte as denuncias se centraban no centro da vila, hoxe as imaxes e comentarios trasladan o foco ata a zona de Seiruga, onde tamén se alerta da presenza de residuos acumulados.
Dende Faro da Costa queremos trasladar o noso apoio ao equipo de limpeza do Concello de Malpica, un persoal que, como é sabido, leva traballando durante todo o verán para facer fronte ao importante incremento de residuos que se produce nestes meses.
O problema, ao noso entender, non está no esforzo realizado polos traballadores, senón na falta de planificación por parte do Concello. Durante a tempada estival, a poboación de Malpica chega a duplicarse, especialmente nas zonas costeiras e de maior afluencia, polo que sería necesario reforzar os servizos municipais de limpeza durante os meses de maior demanda.
Un incremento temporal do persoal permitiría contar con máis efectivos durante todo o día, atender con maior rapidez os puntos onde se acumula máis lixo e, ao mesmo tempo, garantir que os traballadores poidan desfrutar dos seus correspondentes días de descanso sen que iso supoña unha merma no servizo.
As imaxes que estes días circulan polas redes sociais son unha mostra de que non abonda con que o persoal de limpeza faga un esforzo extraordinario. É necesaria unha previsión adecuada por parte do Concello, adaptando os recursos municipais á realidade dunha vila que durante o verán ve como aumenta considerablemente a súa poboación.
Dende Faro da Costa consideramos, polo tanto, que as críticas deben dirixirse cara á xestión e planificación dos recursos públicos e non cara aos traballadores que están a desempeñar o seu labor nestas condicións.
Malpica precisa dun servizo de limpeza dimensionado para a súa realidade, especialmente durante os meses de maior afluencia turística. Máis persoal, mellor planificación e recursos suficientes serían fundamentais para evitar que situacións como as vividas estes días volvan repetirse.
