
O Concello de Corcubión, a través da Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade, está a levar a cabo traballos de limpeza e acondicionamento na contorna do río de Quenxe, nunha actuación que supón a primeira intervención neste ámbito despois de moitos anos.
Os labores céntranse na recuperación e posta en valor deste espazo, que permaneceu esquecido durante décadas e que conta con diversos muíños de importante valor patrimonial.
Actualmente, varios destes elementos están a ser rehabilitados grazas ao traballo e compromiso das asociacións de veciños da Oliveira, Redonda, Vilar, Amarela e Quenxe. Coa limpeza da contorna, o Concello pretende colaborar directamente con estas entidades e facilitar a recuperación dun espazo de especial interese ambiental, cultural e patrimonial para o municipio.
Esta intervención forma parte do compromiso municipal coa conservación e posta en valor do patrimonio rural de Corcubión, así como co apoio e a colaboración cos colectivos veciñais que traballan activamente na recuperación de elementos da identidade e da historia local.
Desde o Concello destacan a importancia de continuar avanzando na recuperación destes espazos, favorecendo a súa conservación e contribuíndo a que poidan ser coñecidos e desfrutados pola veciñanza e polas persoas visitantes.





