
Oscar Insua pide garantir unha solución para os 66 alumnos e alumnas que quedaron sen praza de comedor durante o curso 2026-2027
Carballo, 4 de setembro de 2026. O deputado do BNG pola comarca de Bergantiños, Oscar Insua, presentou no Parlamento galego varias iniciativas nas que reclama á Xunta de Galiza que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para ampliar as prazas dos comedores escolares dos CEIP Bergantiños e CEIP Fogar de Carballo.
A formación nacionalista pide á Consellería de Educación que dea unha solución aos 66 alumnos e alumnas que actualmente non poden acceder ao servizo de comedor nestes dous centros e que garanta que poidan dispoñer dunha praza durante o curso escolar 2026-2027.
Segundo os datos facilitados polo BNG, o CEIP Bergantiños conta con 545 alumnos e alumnas e 150 prazas de comedor, mentres que actualmente hai 37 crianzas en lista de espera. No caso do CEIP Fogar, con 653 alumnos e alumnas, existen 264 prazas de comedor e unha lista de espera de 29 nenos e nenas.
Insua considera que a situación require unha resposta inmediata e reclama á Xunta que empregue todos os mecanismos previstos na normativa para incrementar a capacidade dos comedores, mediante as medidas estruturais, organizativas ou de persoal que sexan necesarias, así como a posible ampliación de quendas.
O parlamentario do BNG sinala que a propia normativa da Consellería de Educación relativa ao funcionamento dos comedores escolares de xestión directa para o curso 2026-2027 contempla a posibilidade de solicitar e autorizar ampliacións das prazas en función de circunstancias como as listas de espera e a demanda existente.
“Hai 66 nenos e nenas en Carballo que a día de hoxe non teñen garantida unha praza nos comedores escolares, e non é a primeira vez que ocorre”, afirmou Insua, que considera necesario actuar antes do inicio do curso.
Reclaman cambiar os criterios de acceso
Ademais da ampliación das prazas, o BNG solicita modificar a normativa que regula o acceso ao servizo de comedor escolar. Na actualidade, o alumnado escolarizado nun centro distinto do que lle corresponde pola súa área de influencia, cando esta elección responde a decisións de carácter familiar ou persoal, queda excluído do dereito ao comedor.
Para o deputado nacionalista, este criterio debería revisarse para introducir un principio de igualdade e proporcionalidade. A proposta do BNG pasa por que esta exclusión só se aplique cando o centro correspondente á área de influencia do alumno ou alumna dispoña tamén de servizo de comedor escolar.
“Nestes tempos que corren, non se lle pode obrigar a unha familia a levar os fillos a un centro de ensino que non ten comedor”, afirmou Insua, que considera que as actuais normas “obsoletas” poden acabar favorecendo os centros concertados e privados fronte ao ensino público.
O deputado defende que a Xunta debe garantir servizos que faciliten a conciliación da vida laboral, familiar e escolar, especialmente no ámbito rural. “Se queremos que o rural non acabe despoboado, a Xunta ten que ofrecer con garantías este tipo de servizos”, sinalou.
O BNG reclama así unha resposta antes do inicio do curso escolar e insta a Consellería de Educación a buscar unha solución para as familias afectadas nos CEIP Bergantiños e Fogar, tanto mediante a ampliación inmediata das prazas como a través dunha revisión dos criterios de acceso ao servizo.
