Pontón reivindica un Arteixo “máis próximo, máis áxil e máis democrático” da man de Carlos López Cotelo

A portavoz nacional do BNG visitou a Romaría de Sisalde e situou a vivenda e o reforzo dos servizos públicos entre as prioridades do proxecto nacionalista para Arteixo

Arteixo. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado un novo modelo de concello para Arteixo, baseado nunha maior proximidade coa veciñanza, na axilidade da administración e no reforzo dos servizos públicos. Fíxoo durante a súa visita á Romaría de Sisalde, onde tamén apoiou a candidatura de Carlos López Cotelo á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027.

Pontón destacou o valor da Romaría de Sisalde como unha das principais citas culturais e festivas de Arteixo. A celebración, que se desenvolve desde 2017, reúne cada ano miles de persoas arredor da música, da festa e da convivencia, combinando a tradición das romarías populares coa música folk.

Segundo salientou a líder nacionalista, a festa representa tamén “unha forma propia de entender o noso ocio e a nosa convivencia en Galiza” e contribúe a poñer en valor a contorna natural da fraga de Sisalde, o asociacionismo cultural e a artesanía da zona.

Durante a súa visita, Pontón aproveitou para presentar o proxecto do BNG para Arteixo e destacar a figura de Carlos López Cotelo, que será candidato nacionalista á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027.

“Estamos falando dunha persoa nova, que ten todo o empuxe e experiencia, que quere facer de Arteixo un lugar mellor para vivir”, afirmou Pontón. A portavoz asegurou que o BNG vai “dalo todo” para “abrir un tempo novo neste concello” e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Vivenda e servizos públicos

Pontón considerou que Arteixo é un municipio con “moitas posibilidades”, pero advertiu de que tamén existen problemas que precisan respostas, especialmente no acceso á vivenda e no funcionamento dos servizos públicos.

Neste sentido, defendeu a necesidade de adoptar medidas que eviten que os prezos da vivenda terminen expulsando poboación do concello e apostou por uns servizos públicos “fortes e sólidos” como elemento esencial para garantir o benestar da cidadanía.

“Cremos que esa transformación que se produciu nunha vila como Carballo tamén a podemos traer a Arteixo”, afirmou, reivindicando os gobernos municipais do BNG como “un modelo de éxito”.

Críticas ao custo da vida e ao Goberno galego

A portavoz nacional do BNG tamén centrou parte da súa intervención no incremento do custo da vida, unha situación que, segundo denunciou, está a afectar cada vez a máis familias galegas.

Pontón sinalou o aumento dos prezos da alimentación, dos carburantes e da electricidade e criticou a actuación do Goberno galego, ao que acusou de permanecer “mirando para outro lado, cruzado de brazos”.

“Hoxe hai miles de familias que teñen que facer malabares para poder pagar as facturas, a hipoteca ou o alugueiro”, afirmou. A situación, engadiu, complícase especialmente durante o mes de setembro pola volta ao colexio e polos gastos adicionais que supón para os fogares.

A líder nacionalista puxo como exemplo o gasto do Partido Popular na nova sede de San Caetano. “É moi difícil explicarlle a unha familia que fai malabares para chegar a fin de mes como o Partido Popular pode gastarse até mil euros nunha cadeira para a súa nova sede en San Caetano”, criticou.

Para Pontón, esta situación demostra que “non estamos ante un problema de recursos, senón ante un problema de prioridades”. “As prioridades do Partido Popular están claras, as do BNG son outras moi diferentes”, concluíu.