STOP BIOGÁS A LARACHA CONVOCA UNHA CADEA HUMANA BAIXO O LEMA «UN TERRITORIO, UNHA CADEA, UN SENTIR»

O vindeiro 13 de setembro, ás 12:00 horas, no Santuario dos Milagros de Caión, a plataforma Stop Biogás A Laracha volverá saír á rúa para defender o territorio, a saúde e o futuro da veciñanza.

Os días 13 teñen para moitas familias unha significación especial. É a data na que a angustia e a incerteza entraron pola porta das nosas casas e que marcou o inicio dunha mobilización veciñal baseada na unión, na defensa do ben común e na necesidade de dar visibilidade a unha problemática que continúa vixente.

Este 13 de setembro, a veciñanza volverá atoparse ás 12:00 horas no Santuario dos Milagros de Caión, para acompañar a baixada da Virxe ata o pobo.

Unha vez no paseo marítimo, as persoas participantes formarán unha cadea humana ao longo da costa, nun novo acto para facer visible que somos moitas as persoas que queremos coidar, defender e preservar esta terra que nos viu nacer.

«Só precisamos da túa man», sinalan desde a plataforma.

A convocatoria nace tamén como unha mostra de rexeitamento ao proxecto de biogás previsto na zona, que, segundo denuncian desde Stop Biogás A Laracha, pon en risco a vida, o territorio e a saúde da veciñanza.

A organización anima a toda a cidadanía a achegarse e participar nesta acción colectiva.

UN TERRITORIO. UNHA CADEA. UN SENTIR.

O día 13, coma sempre, volvemos estar.

XUNT@S PODEMOS CREAR NOTICIA.