
O proxecto, desenvolvido en colaboración con COCEMFE, xa chegou a 50 centros educativos, 30 entidades e 325 docentes durante este ano
Co inicio do novo curso escolar, COGAMI retoma o proxecto Red DUActiva: Diversidade, Acción e Transferencia na aula, unha iniciativa que busca avanzar cara a unha educación plenamente inclusiva e garantir o dereito á educación do alumnado con discapacidade. O programa desenvólvese en colaboración con COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) e conta co financiamento da Fundación ONCE e do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030.
Red DUActiva promove unha intervención integral que implica o conxunto da comunidade educativa, desde o profesorado e os centros ata o alumnado e as familias. Entre as principais actuacións inclúense a formación e capacitación do persoal docente, o acompañamento aos centros educativos, a elaboración de materiais baseados no Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e o apoio ás familias mediante redes de colaboración e espazos para compartir coñecementos e experiencias.
Máis de 300 docentes formados
No que levamos de ano, o proxecto chegou a 50 centros educativos e 30 entidades, ademais de formar 325 docentes e desenvolver accións de sensibilización con preto de 1.400 alumnas e alumnos. Así mesmo, prestouse atención e asesoramento en materia educativa a 34 familias.
As actuacións desenvolvéronse en 29 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na provincia da Coruña, Red DUActiva estivo presente en Carnota, Zas, Muros, Ponteceso, Ferrol, Fene, Arteixo, Oleiros, Cambre e A Coruña. En Lugo, chegou a Lugo, Cervo, Vilalba, Chantada, As Nogais, Ferreira de Pantón, Bóveda, Samos, Cervantes, Monterroso e A Pastoriza. Na provincia de Pontevedra, desenvolveuse en Vigo, Nigrán, Pontevedra, Mos, Moaña, Lalín, Ponte Caldelas e A Guarda.
Formación, materiais DUA e produtos de apoio
Co inicio deste curso, o programa continuará durante o primeiro trimestre coa formación dirixida ao profesorado e ás familias, así como coa elaboración de novos materiais baseados no Deseño Universal para a Aprendizaxe.
Outra das liñas de actuación será o préstamo de produtos de apoio aos centros educativos, co obxectivo de facilitar a participación do alumnado que precise recursos específicos para acceder á aprendizaxe e á comunicación en igualdade de condicións.
Entre os produtos máis solicitados atópanse os dispositivos vinculados aos Sistemas Aumentativos e Alternativos da Comunicación (SAAC), xunto con diferentes solucións tecnolóxicas, como tablets, teclados e outros dispositivos que contribúen a facilitar a comunicación, a aprendizaxe e a participación do alumnado.
Acompañamento ás familias
Red DUActiva manterá tamén a súa liña de atención e orientación ás familias de alumnado con necesidades educativas especiais derivadas da súa discapacidade, ofrecendo información e acompañamento adaptados ás circunstancias e necesidades de cada familia.
Deste xeito, COGAMI aposta por unha inclusión educativa que vaia máis alá da sensibilización e se traduza en medidas concretas aplicables no día a día dos centros educativos. A través da formación, os recursos, o acompañamento e a creación de redes de colaboración, Red DUActiva busca contribuír á eliminación das barreiras e favorecer a igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
