O BNG levará ao Parlamento galego a demanda dunha liña de bus entre Carballo e os centros sanitarios da Coruña

A iniciativa, promovida por traballadoras dos centros hospitalarios, reclama un servizo adaptado ás tres quendas de traballo e con conexión directa desde Carballo

Bergantiños, 9 de setembro de 2026. O BNG impulsará no Parlamento de Galicia a demanda para crear unha liña de autobús que conecte Carballo cos principais centros sanitarios da Coruña e que estea adaptada aos horarios das tres quendas de traballo. A proposta foi trasladada este martes, 8 de setembro, no Parlamento galego, polas promotoras da iniciativa, Ángela Facal e Paula Seoane, aos deputados nacionalistas Oscar Insua e Paulo Ríos, responsable da área de mobilidade do grupo parlamentario.

As promotoras explicaron aos representantes do BNG os motivos polos que consideran necesario establecer esta conexión de transporte público. Segundo trasladaron, son máis de 300 empregados públicos os que traballan nos centros sanitarios da Coruña e que estarían interesados en utilizar o autobús se existise unha ruta adaptada aos seus horarios laborais.

A reivindicación non é nova. Facal e Seoane xa solicitaran en 2023 á Xunta de Galicia a creación dunha solución de transporte que facilitase os desprazamentos entre Carballo e os centros sanitarios coruñeses. Porén, naquela ocasión recibiron unha resposta negativa por parte do Goberno galego, que consideraba que os servizos de transporte existentes eran adecuados e suficientes.

O deputado do BNG por Bergantiños e Costa da Morte, Oscar Insua, cualificou a proposta de “demanda xusta, razoable e viable” e defendeu que debería estar xa contemplada na planificación da mobilidade da Xunta.

Insua lembrou, neste sentido, que a Lei 9/2025 de mobilidade sostible, aprobada o pasado ano cos votos do PP, establece a obriga de que os centros de traballo con máis de 200 persoas empregadas, ou máis de 100 por quenda, cuxa actividade laboral habitual se desenvolva neses centros, dispoñan de plans de mobilidade.

“Parece que a Xunta non fixo os seus propios deberes”, afirmou o deputado nacionalista, que considera que esta normativa debería servir para avanzar en solucións concretas para facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras.

O BNG denuncia que as actuais conexións de transporte público entre Bergantiños, A Costa da Morte e A Coruña non se adaptan aos horarios laborais nin ás necesidades das persoas usuarias. Unha situación que, segundo Insua, afecta tamén ás persoas que teñen que desprazarse diariamente aos centros sanitarios da Coruña para recibir asistencia médica ou acompañar familiares.

Hai moito tempo que vimos denunciando os problemas existentes no transporte público nas dúas comarcas, que nin se adapta aos horarios laborais dos que traballan nas cidades, nin se adapta aos usuarios e doentes que teñen que acudir diariamente aos centros sanitarios da Coruña”, sinalou.

O deputado nacionalista advertiu de que esta falta de alternativas obriga a moitas persoas a utilizar o vehículo particular, co conseguinte incremento dos custos derivados das peaxes da autovía e das dificultades para estacionar na cidade da Coruña.

A maioría da veciñanza ten que acudir no seu vehículo particular, pagando as peaxes da autovía, e cada día con menos aparcamentos na cidade. É lamentable”, lamentou Insua.

O BNG comprometeuse así a trasladar esta demanda á Cámara galega e a continuar traballando para reclamar unha mellora das conexións de transporte público da comarca coas cidades. Para a formación nacionalista, a creación desta liña permitiría facilitar a mobilidade de centos de traballadores e, ao mesmo tempo, ofrecer unha alternativa de transporte público ás persoas que se desprazan desde Bergantiños aos centros sanitarios coruñeses.