A Xunta aproba definitivamente a senda peonil segura que conectará Corme Aldea e Corme Porto

A actuación contará cun investimento aproximado de 565.000 euros e permitirá habilitar 685 metros de itinerario peonil xunto á AC-424

A Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto para a construción dunha senda peonil segura entre Corme Aldea e Corme Porto, unha actuación considerada prioritaria polo Concello de Ponteceso e moi demandada pola veciñanza.

O proxecto contempla a execución de 685 metros de senda peonil paralela á estrada autonómica AC-424, concretamente entre os puntos quilométricos 6+665 e 7+356. A actuación suporá un investimento aproximado de 565.000 euros.

A nova infraestrutura permitirá mellorar de maneira significativa a seguridade dos desprazamentos a pé entre os dous núcleos de Corme, evitando que os peóns teñan que circular pola calzada da estrada, unha situación que viña xerando preocupación entre os residentes da zona.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia da actuación e sinalou que “conectar con seguridade estes núcleos de Corme era un dos grandes obxectivos do executivo local”. Neste sentido, lembrou o risco que asumían diariamente as persoas que precisaban desprazarse entre Corme Aldea e Corme Porto pola ausencia dun itinerario peonil seguro.

Coa aprobación definitiva do proxecto, a Xunta dará agora continuidade á súa tramitación mediante a supervisión do proxecto construtivo, paso previo á posterior licitación das obras.

A futura senda supón así un novo avance para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria nesta zona de Ponteceso, facilitando unha conexión máis segura entre dous dos principais núcleos da parroquia de Corme.