
O pasado venres, os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, visitaron as obras realizadas polo alumnado do Obradoiro Lubiáns, primeira experiencia conxunta de formación para o emprego entre ambos concellos.
Durante o percorrido, que contou coa participación de representantes municipais e persoal técnico, puideron coñecer os traballos de carpintaría desenvolvidos ao longo do ano, como a instalación dunha pérgola no Museo da Pataca de Santa María de Traba, as melloras nos centros sociais de Oca, Erbecedo e Cereo, ou a construción de mobiliario para Bértoa e Entrecruces.
Tamén se visitaron os centros sociais de Artes e Verdillo, en Carballo, onde se executaron actuacións de mellora e creación de novos espazos útiles.
O Obradoiro Lubiáns contou cun orzamento de 308.946 €, subvencionado pola Consellería de Emprego, e formou a 15 persoas desempregadas na especialidade de carpintaría. Xa se está a traballar nun novo proxecto para a vindeira convocatoria da Xunta de Galicia.