
Os socialistas cuestionan a aposta polo asfaltado de pistas e reclaman un proxecto municipal con maior visión de futuro de cara ás eleccións de 2027
O PSOE de Malpica cuestionou a orientación dos proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos (POS) aprobado polo Goberno municipal do Partido Popular, ao considerar que a “mellora da capa de rodadura” volve ter un peso destacado nas actuacións previstas.
A crítica foi trasladada no último pleno municipal polo portavoz socialista, Walter Pardo, quen, segundo sinala a formación, puxo sobre a mesa a necesidade de que o Concello afronte o futuro con “un cambio de rumbo, de ideas e de persoas” á fronte da xestión municipal.
Desde o PSOE recoñecen a necesidade de executar obras de mellora e mantemento das vías municipais, pero consideran que a planificación do Concello non debería limitarse a este tipo de actuacións. Os socialistas defenden que a veciñanza debe valorar tamén outras cuestións relacionadas co funcionamento dos servizos públicos, as políticas municipais e os proxectos de futuro.
A formación socialista relaciona ademais esta aposta polo asfaltado coa proximidade das eleccións municipais de 2027. Neste sentido, cuestiona o que considera unha dinámica na que nos meses anteriores aos comicios se produce un maior despregamento de obras e maquinaria polas distintas parroquias.
“Non se trata só de ver, nos tres ou catro meses antes das eleccións, un despregue de maquinaria pesada por todas as parroquias”, sinala o PSOE, que reclama que se valore “o proxecto de Concello no seu conxunto” antes de decidir o voto.
Os socialistas tamén advirten do risco de que o continuísmo e a falta de renovación política poidan provocar, ao seu xuízo, “estancamento” e favorecer dinámicas de “clientelismo”. Fronte a iso, reivindican a incorporación de novas persoas e ideas e unha planificación municipal con obxectivos a curto, medio e longo prazo.
O PSOE de Malpica aproveita así o debate sobre o POS para reivindicar o labor desenvolvido pola formación durante os dous anos nos que participou no Goberno municipal e posteriormente desde a oposición.
A formación socialista sitúa xa a mirada nas municipais de 2027 e defende que o debate electoral debe ir máis alá das obras de asfaltado, incorporando outras cuestións sobre o modelo de Concello e as prioridades para o futuro de Malpica.
