
A actuación contempla a mellora da rúa da Praia, en Sardiñeiro, e do camiño que comunica Padrís co Concello de Cee
O Concello de Fisterra iniciou o procedemento de licitación da obra denominada “Mellora do firme en Sardiñeiro”, unha actuación destinada a mellorar o estado e as condicións de circulación en diferentes vías da parroquia.
En concreto, os traballos desenvolveranse na rúa da Praia, en Sardiñeiro, así como no camiño que comunica Padrís co Concello de Cee.
A actuación conta cun orzamento total de 107.181,81 euros, IVE incluído, e terá un prazo de execución de dous meses desde o inicio das obras.
Financiamento
A obra será financiada mediante unha subvención da Deputación da Coruña, por importe de 58.719,90 euros, con cargo ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal – Plan Único de concellos (POS+2024).
O investimento complétase cunha achega municipal de 48.461,91 euros por parte do Concello de Fisterra.
As empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o 13 de outubro de 2026, data límite establecida no procedemento de licitación.
Con esta actuación, o Concello de Fisterra continúa coa mellora e conservación das vías municipais, contribuíndo a favorecer unhas condicións máis axeitadas de circulación e accesibilidade para a veciñanza.

