
Os traballos, presuntamente promovidos por Mariscos Antón e Hijos S.L., carecían das autorizacións pertinentes, segundo denuncia ADEGA
Muros. O Concello de Muros paralizou as obras executadas nos cantís de Punta Abelleira despois da denuncia presentada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que alertou dos posibles danos ambientais ocasionados polos traballos e da ausencia das autorizacións necesarias.
Segundo ADEGA, as actuacións terían sido realizadas presuntamente por Mariscos Antón e Hijos S.L. e estarían destinadas á apertura de varias gabias para a captación de auga do mar e/ou para a realización de vertidos á ría de Muros-Noia.
A organización ecoloxista denuncia que os traballos provocaron unha alteración da morfoloxía dos cantís, así como a remoción de fondos mariños e o arrastre de sedimentos cara ao mar. ADEGA advirte de que parte das afeccións ocasionadas sobre este espazo litoral poderían ser irreversibles.
Ante esta situación, a entidade reclama ao Concello de Muros a apertura do correspondente expediente sancionador e a adopción das medidas que correspondan contra os responsables das actuacións.
ADEGA tamén solicita a intervención doutras administracións. En concreto, insta á Xunta de Galicia e á Dirección Xeral da Costa e o Mar a someter o proxecto de captación de auga e vertido ao mar ao procedemento de avaliación ambiental que resulte preceptivo.
A paralización das obras supón, segundo a organización ecoloxista, un primeiro paso para esclarecer a legalidade dos traballos realizados e determinar as responsabilidades derivadas das posibles afeccións sobre o litoral.
ADEGA reclama que se extremen os controis e as garantías ambientais ante actuacións que poidan modificar espazos costeiros e fondos mariños da ría de Muros-Noia.




