O PSdeG de Coristanco reclama a restauración integral do Cruceiro de San Salvador de Erbecedo

Os socialistas tamén solicitan a rehabilitación da contorna do Refuxio de Verdes e unha conexión directa de autobús entre Carballo e o CHUAC

Coristanco, 23 de setembro de 2026.– O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presentou varias mocións para o seu debate no pleno municipal nas que reclama actuacións en materia de patrimonio, transporte público e conservación dos espazos naturais do municipio.

Unha das principais peticións céntrase no Cruceiro de San Salvador de Erbecedo, para o que os socialistas solicitan á Alcaldía que inicie de maneira inmediata os trámites necesarios para acometer a súa restauración integral, de acordo coa normativa de protección do patrimonio cultural.

O PSdeG sinala que o cruceiro constitúe un elemento singular do patrimonio de Coristanco e advirte de que leva máis de cinco anos nun estado de deterioro, con danos estruturais que, segundo os socialistas, poden comprometer a súa integridade e conservación.

A moción reclama tamén que se solicite unha inspección técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para avaliar o estado do monumento e determinar as actuacións necesarias. Así mesmo, pide a substitución do balizamento que actualmente se atopa deteriorado.

Unha conexión directa co CHUAC

Outra das iniciativas presentadas polo grupo socialista reclama a creación dunha conexión directa de transporte público entre Carballo e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O PSdeG considera que esta liña daría resposta ás necesidades das persoas residentes na comarca de Bergantiños que se desprazan habitualmente á zona hospitalaria da Coruña, facilitando os seus percorridos e evitando transbordos.

Os socialistas defenden que se estuden as medidas necesarias para mellorar a conexión por transporte público entre a comarca e o complexo hospitalario coruñés.

Actuacións no río Anllóns

Finalmente, o Grupo Municipal Socialista volve reclamar unha inspección integral das inmediacións do río Anllóns, con especial atención á contorna do Refuxio de Verdes e da ponte medieval de Pontedona.

A formación pide identificar os puntos que precisan intervención e reclama a Augas de Galicia que acometa con carácter urxente os traballos de limpeza e mantemento que sexan necesarios.

Entre as actuacións sinaladas figuran a retirada de maleza, árbores caídas, troncos e outros restos acumulados tanto no leito como nas marxes do río.

Dende o PSdeG de Coristanco consideran que estas intervencións son necesarias para mellorar a conservación da contorna do Anllóns e garantir o adecuado mantemento dun espazo de especial interese ambiental e patrimonial para o municipio.