
Ames acolleu a segunda xornada ‘Muller, mar e liderado’, organizada pola Consellería do Mar para favorecer a presenza feminina nos espazos de representación e toma de decisións
Ames (A Coruña), 24 de setembro de 2026. A Consellería do Mar continúa avanzando no impulso da participación das mulleres nos órganos de representación e decisión do sector pesqueiro e marisqueiro galego. Ames acolleu este xoves a segunda xornada do programa ‘Muller, mar e liderado’, un encontro dirixido nesta ocasión ás profesionais do mar da provincia da Coruña.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou a sesión na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez. A iniciativa dá continuidade á primeira xornada, celebrada o pasado martes en Arcade, e terá a súa terceira e última sesión este venres en Burela.
O encontro aposta por un formato práctico no que as participantes poden compartir experiencias, analizar as dificultades que atopan no desenvolvemento das súas carreiras profesionais e coñecer ferramentas destinadas a reforzar as súas capacidades de liderado.
Durante a inauguración, Villaverde destacou a importancia de que a presenza e a experiencia que as mulleres xa teñen nos distintos ámbitos vinculados ao mar teñan tamén un reflexo nos espazos onde se adoptan decisións. A conselleira sinalou a necesidade de favorecer contornas que contribúan a reforzar a confianza das profesionais nas súas capacidades, así como a creación de redes de colaboración e intercambio de coñecementos.
Experiencias profesionais e traballo en grupo
Un dos principais contidos da xornada foi a mesa de conversa protagonizada por Rosi Nieto, directora xeral de Conservas Friscos, e Adela Lestón, mariscadora a pé de Muros. Ambas compartiron coas asistentes as súas experiencias profesionais e a súa visión sobre o liderado no sector marítimo-pesqueiro.
A partir destes testemuños, as participantes desenvolveron diferentes dinámicas de traballo para identificar os recursos dos que dispoñen, os obstáculos que atopan no seu día a día e os apoios que consideran necesarios para avanzar nas súas traxectorias profesionais.
O programa incluíu tamén tres obradoiros prácticos. ‘A túa voz conta’ estivo centrado na comunicación eficaz; ‘Xestión de conflitos’ abordou ferramentas para afrontar situacións profesionais complexas; e ‘Desenvolve o teu potencial’ orientouse á identificación e reforzo das capacidades persoais relacionadas co liderado.
As conclusións obtidas nas mesas de traballo permitirán á Consellería do Mar coñecer directamente as necesidades, propostas e experiencias das participantes. O obxectivo é dispoñer dunha visión máis próxima dos factores que poden facilitar unha maior presenza feminina nos órganos de representación e toma de decisións do sector.
O ciclo ‘Muller, mar e liderado’ rematará este venres en Burela, coa celebración da terceira xornada, coa que a Consellería do Mar completa o programa previsto nas tres provincias costeiras de Galicia.

