A estación de autobuses de Ferrol volve aparecer pechada a primeira hora e obriga os viaxeiros a acceder polos viais

Os usuarios do transporte público por estrada atopáronse este xoves a primeira hora coa estación de autobuses de Ferrol pechada, unha situación que volve poñer o foco no historial de incidencias que veñen denunciando os viaxeiros.

A primeira hora da mañá, varios usuarios que acudiron á estación para coller o autobús atopáronse con dificultades para acceder aos andéns. Algúns deles chegaron a chamar á Policía Local para alertar de que as instalacións permanecían pechadas.

Segundo relataron os propios viaxeiros, unha das portas exteriores estaba aberta e permitía entrar no edificio, pero unha verxa impedía baixar polas escaleiras cara aos andéns. Ante esta situación, os usuarios tiveron que recorrer novamente ao vial empregado polos autobuses para saír da estación, unha vía que xa utilizaron en ocasións anteriores cando o acceso habitual non estaba dispoñible.

A situación mantívose durante as primeiras horas da mañá. Arredor das dez, a persiana metálica xa estaba aberta, permitindo finalmente aos usuarios acceder ás escaleiras e chegar aos andéns con normalidade.

O incidente súmase así ás diferentes queixas formuladas nos últimos tempos polos usuarios sobre o funcionamento e as condicións de acceso á estación de autobuses de Ferrol, que volve ser escenario de problemas precisamente no momento de maior afluencia de viaxeiros.

Movemento Sumar Ferrolterra denuncia o estado da estación de autobuses de Ferrol

O acceso habitual para os pasaxeiros permaneceu pechado este xoves, obrigando as persoas usuarias a entrar pola zona destinada á saída e manobra dos autobuses

A estación de autobuses de Ferrol amenceu este xoves co seu acceso habitual para os pasaxeiros pechado, unha situación que obrigou as persoas usuarias a acceder ás instalacións pola zona destinada á saída e circulación dos autobuses.

Desde Movemento Sumar Ferrolterra alertan do risco que esta situación supón para a seguridade das persoas usuarias, ao verse obrigadas a compartir un espazo destinado á circulación e manobra dos vehículos.

A formación denuncia o que considera un novo exemplo do estado de abandono no que se atopa a estación de autobuses de Ferrol e reclama que se adopten as medidas necesarias para garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e accesibilidade.

Consideramos inadmisible que unha infraestrutura pública destinada ao transporte de viaxeiros presente estas condicións”, sinalan desde Movemento Sumar Ferrolterra.

A formación reclama unha actuación que permita solucionar as deficiencias existentes na estación e evitar que as persoas usuarias teñan que utilizar zonas reservadas aos autobuses para poder acceder ás instalacións.

Segundo Movemento Sumar Ferrolterra, a situación evidencia a necesidade de prestar maior atención ao mantemento da infraestrutura e de garantir que a estación cumpra coas condicións necesarias para ofrecer un servizo público seguro ás persoas viaxeiras.