
A organización ecoloxista presentou alegacións contra o proxecto e reclama unha moratoria da gandaría industrial en toda Galicia.
AGOLADA.
Greenpeace presentou alegacións contra o proxecto da macrogranxa avícola que a empresa Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende construír en Agolada, cunha capacidade próxima ás 400.000 galiñas poñedoras.
A organización considera que a instalación agravaría a presión gandeira que xa soporta a comarca do Deza e alerta dos posibles efectos sobre o medio ambiente, especialmente pola contaminación por nitratos das augas superficiais e subterráneas.
Segundo Greenpeace, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior carga gandeira, con 2,3 UGM por hectárea, só por detrás de Cataluña. Ademais, advirte de que o encoro de Portodemouros podería sufrir un deterioro ambiental similar ao rexistrado no das Conchas, na Limia.
A entidade considera insuficiente a moratoria aprobada pola Xunta para determinadas explotacións na conca do Limia e reclama estendela a todo o territorio galego.
«Demandamos a paralización inmediata do proxecto de macrogranxa de Agolada e unha moratoria firme e sen fisuras para toda Galicia», afirmou Luís Ferreirim, responsábel de Gandaría de Greenpeace España.
Greenpeace tamén expresou o seu apoio ás reivindicacións veciñais e ás mobilizacións impulsadas pola plataforma Stop Macrogranxas Agolada.
