Cabanas inicia novas obras de mellora no polígono de Vilar do Colo e no camiño de Relousada a O Alto

As dúas actuacións supoñen un investimento conxunto de máis de 113.900 euros e permitirán mellorar a seguridade viaria e o estado das vías municipais

O Concello de Cabanas dará comezo nas vindeiras xornadas a dúas novas actuacións destinadas á mellora das infraestruturas viarias municipais: a renovación do pavimento e a canalización de augas no acceso ao polígono empresarial de Vilar do Colo e a pavimentación do camiño que comunica Relousada con O Alto.

No polígono de Vilar do Colo, a actuación contempla a renovación completa do aglomerado, así como a canalización das augas no tramo de acceso ao parque empresarial desde a avenida de Laraxe. Trátase dunha intervención especialmente demandada, que permitirá mellorar as condicións da vía e reforzar a seguridade viaria nun dos principais accesos ao parque empresarial.

O investimento nesta actuación ascende a 59.618,55 euros, IVE incluído, e está financiado nun 80 % pola Xunta de Galicia.

Pola súa banda, no camiño de Relousada a O Alto levarase a cabo a renovación do aglomerado, cun investimento de 54.292,89 euros, IVE incluído. A actuación conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Xunta de Galicia, por importe de 44.870 euros.

En total, ambas intervencións supoñen un investimento de 113.911,44 euros, destinado á mellora e conservación das vías municipais e á renovación de infraestruturas necesarias para garantir unhas mellores condicións de circulación e seguridade.

Outras actuacións en marcha

Estas obras súmanse a outras actuacións que se están desenvolvendo actualmente no municipio. Entre elas atópanse os traballos no parque de Irís, que inclúen a pavimentación do lugar e a renovación da zona de xogos infantís.

Tamén continúa a obra de mellora da eficiencia enerxética da Casa Consistorial, unha intervención orientada á renovación e posta a punto das instalacións e á mellora do comportamento enerxético do edificio, contribuíndo a reducir o consumo destinado á calefacción e climatización.

Con estas actuacións, o Concello de Cabanas continúa avanzando na mellora das infraestruturas e dos espazos públicos municipais, atendendo ás necesidades das diferentes parroquias e lugares do municipio.