Corme acolle unha xornada para divulgar e poñer en valor o patrimonio subacuático da Costa da Morte

A Asociación Cultural Insua de Viastela colabora nun encontro que se celebrará o 29 de setembro no MACCMO e que contará con expertos, divulgadores e unha mesa redonda aberta ao público

O Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte (MACCMO), en Corme, acollerá o vindeiro martes 29 de setembro, entre as 11.00 e as 13.00 horas, a Xornada de Divulgación do Patrimonio Subacuático da Costa da Morte, unha iniciativa incluída no proxecto Sabor a Mar con R, impulsado pola APTCM, e na que colaboran a Asociación Cultural Insua de Viastela e o Concello de Ponteceso.

A actividade nace co obxectivo de dar a coñecer a riqueza do patrimonio que se agocha baixo as augas da Costa da Morte, fomentar a súa protección e abordar as posibilidades que ofrece como recurso cultural e de futuro para o territorio.

A xornada comezará cunha benvida institucional a cargo de José Manuel Mato Martínez, alcalde de Ponteceso, e Pepe Formoso, presidente da APTCM. A continuación presentarase o micromanual sobre a orixe do macrotopónimo “Costa da Morte”, unha obra de Fernando Patricio Cortizo.

O programa incluirá tamén dúas intervencións centradas no patrimonio arqueolóxico subacuático. A primeira delas correrá a cargo de Ángel Carreira Díaz, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que abordará “O réxime xurídico do patrimonio arqueolóxico subacuático de Galicia”.

Posteriormente, Suso Lista, escritor e presidente da Asociación Cultural Insua de Viastela, ofrecerá a conferencia “A riqueza do patrimonio subacuático de Corme. Un recurso para o futuro”, na que afondará no valor do patrimonio existente nas augas da localidade e nas posibilidades da súa posta en valor.

Debate aberto coa participación do público

A xornada rematará cunha mesa redonda aberta ao público, na que os poñentes poderán intercambiar puntos de vista cos asistentes arredor da conservación, protección e divulgación do patrimonio subacuático da Costa da Morte.

A organización destaca o carácter participativo deste encontro, concibido como un espazo para coñecer mellor un patrimonio que, malia formar parte da historia e da identidade do territorio, permanece en boa medida descoñecido para a sociedade.

Entrada gratuíta con inscrición previa

A asistencia á xornada é de balde, aínda que é necesario realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización.

A Asociación Cultural Insua de Viastela anima á veciñanza, ás entidades culturais e sociais e a todas as persoas interesadas no patrimonio marítimo e histórico da Costa da Morte a participar nesta actividade.

Desde a entidade salientan o especial interese desta iniciativa, ao considerar que contribúe a coñecer, valorar e protexer o patrimonio subacuático, con especial atención ao existente en Corme, e a explorar as súas posibilidades como recurso cultural para o futuro.

O proxecto “Sabor a Mar con R” está cofinanciado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte, e conta coa colaboración do Concello de Ponteceso e da Asociación Cultural Insua de Viastela.