A Xunta reafirma o seu compromiso co tecido social para avanzar nos dereitos das persoas con discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron en Carballo no foro sectorial organizado por In Red

Carballo (A Coruña), 25 de setembro de 2026.– A Xunta de Galicia reafirmou o seu compromiso co tecido social e co avance nos dereitos das persoas con discapacidade durante o foro In Futuro, encontros sectoriais de discapacidade en Galicia, organizado por In Red en Carballo.

Na xornada participaron a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que destacaron a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais para dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade.

Abeijón puxo en valor o traballo que desenvolven as entidades sociais galegas na atención, apoio e acompañamento das persoas con discapacidade. Segundo salientou, este labor permite achegar os recursos e medidas impulsados pola Xunta a todas as persoas que os precisan, independentemente do seu lugar de residencia.

A directora xeral destacou tamén a colaboración da Administración autonómica coas entidades do sector, así como o incremento dos recursos destinados a garantir o benestar das persoas con discapacidade. Neste contexto, defendeu a importancia de manter espazos de diálogo como o foro celebrado en Carballo, que permiten compartir experiencias e necesidades entre as entidades, o sector dos coidados e as diferentes administracións.

Entre as medidas impulsadas pola Xunta, Abeijón referiuse ao concerto social de prazas públicas, unha demanda histórica do sector á que o Goberno galego deu resposta. Ademais, sinalou que a dotación económica destinada a estes recursos se está incrementando por segundo ano consecutivo para facer fronte ao aumento dos prezos derivados dos convenios estatais.

Pola súa banda, Marta Mariño destacou o compromiso da Xunta coa incorporación laboral das persoas con discapacidade, a través de iniciativas como os programas de formación dual e as liñas de apoio destinadas a financiar os custos salariais das persoas con discapacidade.

Estas medidas intégranse na Estratexia galega de economía social Horizonte 2027, que establece entre os seus obxectivos a creación de 400 novas entidades e 4.000 postos de traballo, co propósito de consolidar e fortalecer o ecosistema da economía social en Galicia.

O encontro de Carballo serviu así como espazo de análise e intercambio de propostas arredor dos retos actuais e futuros no ámbito da discapacidade, coa participación de representantes institucionais e do tecido social galego.