Padrón reclama á Xunta colaboración para desbloquear a Praza de Abastos e impulsar vivenda e servizos públicos

O Goberno local asegura que a demora dunha autorización de Patrimonio dificultou a execución dunha subvención de 160.000 euros e reclama explicacións polo plan de novas residencias da Xunta

Padrón.– O Goberno local de Padrón saíu ao paso das declaracións realizadas polo voceiro do Partido Popular, Ángel Rodríguez Conde, sobre a situación da Praza de Abastos e defendeu que o Concello solicitou e conseguiu unha subvención da Xunta para iniciar a rehabilitación do mercado, pero que a demora na tramitación dunha autorización sectorial dificultou a execución dos traballos dentro dos prazos establecidos.

Segundo explica o Concello, para poder executar a actuación era necesario contar con diferentes autorizacións da Administración autonómica. Entre elas, unha autorización de Patrimonio que, segundo o Goberno local, se demorou durante meses e acabou dificultando o cumprimento dos prazos establecidos pola convocatoria da axuda.

O Executivo municipal lembra ademais que a rehabilitación integral da Praza de Abastos é unha actuación de gran envergadura. O custo estimado para intervir no conxunto das naves supera os 700.000 euros, mentres que a subvención concedida pola Xunta ascendeu a 160.000 euros.

Desde o Concello sinalan que esta cantidade non permitía completar nin sequera a primeira fase da rehabilitación, senón que estaba destinada a iniciar os traballos. Por este motivo, consideran “simplista” falar da perda dos 160.000 euros como se esa contía permitise resolver por si soa a situación do mercado.

O Goberno local defende que actualmente existe un proxecto de rehabilitación “serio e de futuro”, que considera acorde coa importancia da Praza de Abastos de Padrón, e aposta por executar a actuación de maneira progresiva e por fases debido ao importante investimento necesario.

O Concello reclama colaboración á Xunta

O Executivo municipal tamén cuestiona as acusacións de “incapacidade” realizadas polo Partido Popular e asegura que os concellos atopan en ocasións dificultades para executar proxectos cando dependen de autorizacións doutras administracións.

O Concello pon como exemplo situacións vividas durante o verán do pasado ano, cando, segundo sinala, diferentes municipios tiveron que agardar durante meses por autorizacións de distintas consellerías, co risco de perder axudas ou de non poder executar os proxectos dentro dos prazos previstos.

“Se a Xunta concede unha subvención pero despois unha consellería tarda meses en autorizar a actuación necesaria para executala, parece razoable que a Xunta tamén dea explicacións”, sostén o Goberno de Padrón.

O Concello insiste, ademais, en que non está en contra da colaboración coa Xunta, senón que reclama que esa colaboración se produza de maneira efectiva.

Sete meses á espera dunha reunión sobre vivenda

A situación da vivenda pública é outro dos asuntos sinalados polo Goberno local. Segundo o Concello, Padrón leva sete meses esperando por unha reunión coa Consellería de Vivenda, solicitada formalmente en febreiro de 2026, para abordar a situación da vivenda pública e accesible no municipio.

O Executivo municipal considera que esta situación contradí as acusacións de falta de iniciativa formuladas polo PP local. “Parece difícil falar de falta de iniciativa por parte do Concello cando é precisamente o Concello quen leva meses intentando reunirse coa Consellería”, sinala.

Padrón queda fóra do novo plan de residencias

O Concello tamén reclama explicacións á Xunta pola súa exclusión do novo plan autonómico de residencias. Segundo os datos difundidos polo Goberno local, a Xunta anunciou 25 novas residencias, das que 23 corresponden a concellos gobernados polo Partido Popular.

Ante esta situación, o Concello de Padrón pregunta polos criterios empregados para seleccionar os municipios beneficiarios e reclama saber por que Padrón non foi incluído, especialmente tendo en conta que o municipio “continúa sen residencia pública e sen centro de día”.

O Goberno local asegura que non reclama “un trato de favor”, senón “igualdade de trato, transparencia e colaboración entre administracións”.

O Concello conclúe que seguirá defendendo os intereses da cidadanía de Padrón e reclamando tanto á Xunta como ao resto das administracións que cumpran coas súas responsabilidades.

“Padrón non necesita máis confrontación. Necesita solucións”, conclúe o Goberno municipal.