
A Laracha, 26 de setembro de 2026. O BNG celebrou este sábado na Casa da Cultura da Laracha a xornada O biogás na Galiza: un debate necesario, un encontro que reuniu colectivos veciñais, organizacións ecoloxistas e sindicais, expertos en enerxía e representantes políticos para analizar os distintos modelos de desenvolvemento do biogás e os seus efectos sobre o territorio.
A iniciativa puxo o foco nos impactos que poden ter proxectos de grande dimensión, como a macroplanta prevista en Soandres, e serviu tamén para abordar alternativas que permitan compatibilizar o aproveitamento dos recursos coa protección do medio rural e o fortalecemento do tecido produtivo galego.
Na apertura da xornada, a responsable nacional da Área de Organización do BNG, Lucía López, defendeu a necesidade de que Galiza teña capacidade para decidir sobre os seus recursos naturais e para que a riqueza que estes xeran repercuta no desenvolvemento económico e social do país. Segundo indicou, os novos modelos enerxéticos deben contribuír á creación de emprego, ao impulso do sector primario e ao respecto polo territorio.
López sinalou que o debate sobre o biogás ten unha importante dimensión territorial e considerou necesario promover proxectos vinculados á realidade económica e social de cada comarca. Neste sentido, apostou por modelos que reforcen o medio rural e que respondan ás necesidades do país.
A portavoz municipal do BNG na Laracha, Carolina Castiñeiras, participou tamén na apertura do encontro, que se desenvolveu ao longo da mañá a través de dúas mesas redondas.
A primeira, titulada A defensa do territorio: activismo fronte a proxectos de biogás, estivo moderada pola profesora María Rei Vilas e contou coa participación de representantes de Stop Biogás A Laracha, Lugo non quere cheiros, Stop Biogás Agolada e Daniel López, da asociación ecoloxista Adega.
Na segunda mesa, baixo o título Modelos de desenvolvemento do biogás, interviron Xurxo López, de Enova Enerxía; Montse Valcárcel, catedrática de hidroloxía e deputada do BNG; Manuel Soto, de Adega, e Manuel Casal, da Fruga. A moderación correu a cargo do portavoz parlamentario do BNG en materia de enerxía, Xosé Manuel Golpe.
A xornada permitiu abrir un espazo de análise e intercambio de opinións arredor do papel que o biogás pode desempeñar na transición enerxética e sobre os diferentes modelos de implantación que se están a debater en distintos puntos de Galiza.
