CULLEREDO: APARCAR, UNHA AVENTURA; VIVIR E COMERCIAR, CADA VEZ MÁIS DIFÍCIL

Macetas, bancos, obstáculos e “humanizacións” mentres as prazas de aparcamento desaparecen e os espazos existentes seguen sen recibir o mantemento que precisan.

Benvidos unha vez máis ao fantástico mundo das facilidades que, segundo a percepción de parte da veciñanza, ofrece o Goberno de Culleredo para quen vive, traballa ou ten un comercio no municipio.

Porque aquí parece que temos unha prioridade clarísima: que non quede nin un metro cadrado sen “humanizar”… aínda que para iso haxa que complicarlle a vida a todo o mundo.

As prazas de aparcamento van desaparecendo pouco a pouco, substituídas por auténticas coleccións de macetas, bancos e elementos urbanos que, en determinados puntos, parecen ter máis presenza ca os propios veciños.

E claro, despois chega a pregunta incómoda:

¿Onde aparcamos?

Porque non todo o mundo pode ir andando. Hai persoas maiores, familias, traballadores, autónomos, clientes dos comercios e veciños que, por razóns máis que evidentes, necesitan utilizar o coche.

Pero parece que esa realidade non encaixa demasiado ben no concepto de “humanización”.

APARCAMENTOS OU CIRCUÍTOS DE AVENTURA?

E por se a falta de prazas non fose suficiente, temos os aparcamentos que xa existen.

Iso si que merece capítulo propio.

Cando chove, algunhas zonas convértense directamente nas marismas de Doñana. E cando deixa de chover, aparecen as dunas de Corrubedo, con baixadas, desniveis, fochancas e obstáculos capaces de poñer a proba ata a suspensión dun todoterreo.

Hai momentos nos que un non sabe se está entrando nun aparcadoiro ou participando nunha proba de trial.

Todo isto nun municipio que presume de modernidade, de transformación urbana e de “humanización”.

Humanización para quen?

Porque poñer unha maceta é moi fácil. Poñer un banco tamén. Facerse unha foto cunha obra terminada, seguramente tamén.

O complicado é facer algo tan pouco vistoso como manter correctamente o que xa existe.

O COMERCIO TAMÉN EXISTE

E mentres tanto, os comercios teñen que sobrevivir.

Un cliente que non sabe onde aparcar, que ten que dar voltas e voltas ou que directamente desiste de achegarse pode acabar buscando outra alternativa.

Logo preguntámonos por que determinadas zonas comerciais perden actividade.

Quizais habería que empezar por escoitar aos comerciantes e aos veciños antes de decidir que todo problema urbano se soluciona quitando espazo ao coche e colocando mobiliario.

Porque unha rúa non vive das súas macetas.

Vive das persoas que a percorren, dos negocios que abren as súas portas e dos veciños que a utilizan todos os días.

E AS DIFERENZAS ENTRE ZONAS?

E aquí aparece outra cuestión que resulta especialmente difícil de ignorar.

Hai lugares nos que parece que todo está perfectamente acondicionado, despexado e coas cousas ben feitas.

E outros nos que a sensación é exactamente a contraria.

¿Por que?

¿Qué criterios se utilizan?

¿Por que uns espazos reciben atención e outros parecen condenados ao abandono?

Sería interesante que alguén explicase esas diferenzas con datos e non con discursos.

Porque cando os veciños perciben que uns teñen facilidades mentres outros acumulan problemas, é normal que aparezan preguntas e sospeitas.

E as sospeitas non se solucionan con máis macetas.

Soluciónanse con transparencia, planificación e explicacións claras.

MENOS POSTUREO E MÁIS XESTIÓN

Ninguén está dicindo que as rúas non deban mellorar. Ninguén está en contra de ter espazos públicos agradables.

O que se cuestiona é unha forma de facer política urbana na que parece que o importante é que a actuación quede bonita na foto, mentres os problemas do día a día quedan para máis adiante.

Porque unha cidade ou un concello non se mide polo número de macetas que instala.

Mídese por algo moito máis básico:

se a xente pode vivir nel con comodidade, se pode desprazarse, se pode aparcar cando o necesita, se os comercios teñen actividade e se os espazos públicos están realmente mantidos.

En Culleredo, cada vez hai máis elementos para “humanizar” as rúas.

Agora só falta humanizar un pouco a vida dos que teñen que utilizalas todos os días.

E, xa postos, estaría ben que antes da próxima gran “humanización” alguén se ocupase de algo moito máis revolucionario:

arranxar os baches, acondicionar os aparcamentos e deixar que a xente poida simplemente chegar, aparcar e vivir.