Carral súmase un ano máis á limpeza dos ríos coa XIX edición de ‘Móllate polos ríos’

A xornada desenvolveuse no río Barcés, ao seu paso por Xocín, na parroquia de Sumio, coa participación da Asociación de Custodia do Territorio Brexa e de persoas voluntarias.

Carral volveu participar un ano máis na campaña “Móllate polos ríos”, unha iniciativa organizada por ADEGA que este ano celebrou a súa XIX Limpeza simultánea de Ríos. A actividade contou novamente coa implicación da Asociación de Custodia do Territorio Brexa, comprometida coa conservación dos espazos naturais do municipio.

A xornada tivo lugar no río Barcés, en Xocín, na parroquia de Sumio, onde durante a mañá as persoas participantes realizaron tarefas de limpeza e retirada de residuos acumulados no leito e nas marxes do río.

Ao longo da actividade recolleuse unha importante cantidade de lixo e especies invasoras, contribuíndo á mellora do estado do río e á protección da biodiversidade e do patrimonio natural de Carral.

Desde Alternativa dos Veciños de Carral (AV Carral) destacaron a importancia de manter este tipo de iniciativas e agradeceron o traballo desenvolvido polas persoas voluntarias que participaron na xornada.

A formación municipal puxo especialmente en valor o compromiso da Asociación Brexa, así como o labor que desenvolve na defensa e conservación dos ríos e dos espazos naturais do municipio.

A iniciativa “Móllate polos ríos” pretende fomentar a participación cidadá e a sensibilización sobre a necesidade de conservar os ecosistemas fluviais, promovendo ao mesmo tempo o coñecemento e o respecto polo patrimonio natural galego.