A Xunta destaca a determinación das beneficiarias do programa Emega para impulsar o emprendemento feminino

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, visitou esta mañá a academia de inglés Flying Fun, un negocio impulsado por unha beneficiaria do programa Emega, onde destacou o papel das mulleres emprendedoras e a súa determinación para sacar adiante proxectos profesionais.

Durante a visita, Uría puxo en valor o apoio que ofrece a Xunta de Galicia ás mulleres que deciden iniciar ou consolidar unha actividade empresarial, a través de iniciativas destinadas a favorecer o emprendemento feminino e a creación de oportunidades laborais.

A directora xeral salientou a importancia de que as administracións acompañen as emprendedoras nos seus novos camiños profesionais, facilitándolles recursos e apoio para afrontar os retos que supón poñer en marcha un negocio.

Así mesmo, incidiu na necesidade de impulsar o liderado das mulleres en todos os ámbitos, desde o académico e laboral ata o social, como elemento clave para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria.

O programa Emega constitúe unha das principais ferramentas da Xunta para apoiar o emprendemento feminino, contribuíndo a que as mulleres poidan desenvolver os seus proxectos empresariais, favorecer a súa autonomía económica e impulsar a igualdade de oportunidades no mercado laboral.

A visita á academia Flying Fun permitiu coñecer de primeira man unha iniciativa empresarial que exemplifica o potencial do emprendemento feminino e a importancia do acompañamento institucional para transformar ideas en proxectos profesionais.