
A Asociación SOS Sanidade Pública alerta da situación de deterioración que atravesa a Atención Primaria en Galicia e advirte de que a falta de financiamento e de profesionais está comprometendo a capacidade do sistema sanitario público para atender adecuadamente á cidadanía.
Segundo os datos difundidos pola asociación, a Atención Primaria recibe actualmente só o 14,3 % do orzamento sanitario, fronte ao mínimo do 25 % que consideran necesario para garantir o seu funcionamento e reforzar os servizos.
A organización tamén denuncia a falta de persoal médico. En concreto, sinala que Galicia necesita 250 médicos e médicas de familia máis e que máis de 140 prazas continúan sen facultativo titular asignado. A esta situación súmase que o 15 % das prazas de pediatría están sen cubrir.
No ámbito da enfermaría, SOS Sanidade Pública estima que serían necesarios outros 850 profesionais para que Galicia puidese alcanzar a media europea.
A asociación considera que esta falta de recursos provoca consultas masificadas e dificulta que os profesionais poidan dedicar o tempo necesario á prevención, ao seguimento dos pacientes e á promoción da saúde. Tamén critica a ausencia de instrumentos efectivos de participación social que permitan á cidadanía avaliar e controlar o funcionamento do sistema sanitario.
Desde SOS Sanidade Pública sosteñen que esta situación non é inevitable, senón que responde a decisións políticas e orzamentarias, e reclaman un maior investimento e un reforzo dos recursos humanos para garantir unha Atención Primaria pública, accesible e de calidade.
A organización aproveita tamén o contexto electoral para facer un chamamento á cidadanía a reflexionar sobre o futuro da sanidade pública antes de votar, pero tamén antes de absterse, insistindo en que a defensa da Atención Primaria é fundamental para preservar un dos principais piares do sistema sanitario.
