
A mostra, organizada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple, poderá visitarse no Hospital Clínico de Santiago ata o 16 de outubro
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026.– A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe a exposición fotográfica Máis aló do invisible, organizada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (Fegadem), co obxectivo de dar visibilidade ás manifestacións da enfermidade que non sempre son perceptibles a simple vista.
A iniciativa busca achegar á sociedade a realidade cotiá das persoas con esclerose múltiple e mostrar aquelas consecuencias da enfermidade que, malia non seren visibles, poden ter un impacto significativo na súa vida diaria.
A través da fotografía, a exposición pon o foco nestas manifestacións invisibles e contribúe a favorecer un maior coñecemento e comprensión da enfermidade por parte da cidadanía.
A mostra permanecerá no Hospital Clínico Universitario de Santiago ata o vindeiro 16 de outubro. Posteriormente, a exposición percorrerá diferentes cidades galegas, con paradas previstas en Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, co propósito de achegar esta realidade ao maior número posible de persoas.
A Xunta destaca a importancia de iniciativas como esta para avanzar na sensibilización social, fomentar unha maior comprensión das necesidades das persoas con esclerose múltiple e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva.
