
O Concello de Cabanas presenta unha ampla programación para esta fin de semana, con propostas culturais, sociais e de lecer para todos os gustos.
A axenda comeza o venres 9, ás 20:00 horas, coa Festa de Inauguración do Local Social de Lavandeira. A apertura deste novo espazo contará con música, petiscos e sorteos, nunha xornada pensada para celebrar coa veciñanza este novo punto de encontro.
O sábado 10 chegará cargado de actividades. Entre as 10:00 e as 15:00 horas, a unidade móbil de doazón de sangue estará no aparcadoiro da Oficina de Turismo. Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria. As persoas maiores de 18 anos e cun peso superior aos 50 quilos só precisan dedicar uns minutos para contribuír a salvar vidas. Para doar será necesario presentar a tarxeta de doazón ou o DNI.
Tamén o sábado, ás 10:30 horas, o Piñeiral da Madalena acollerá Cabanas Can · Encontro Canino, unha cita para persoas amantes dos animais que incluirá feira de produtos, obradoiros, unha mesa redonda con expertos, sorteos e actuacións musicais de Sekadra e Leni Pérez. A entrada será gratuíta.
Finalmente, o domingo 11, a partir das 08:00 horas, terá lugar a viaxe a Portugal organizada pola Asociación de Mulleres Cabanas Rural, que incluirá a visita a Cerdal e á Fortaleza.
As tarifas son de 38 € para socios con xantar e 20 € sen xantar, mentres que para as persoas non socias o prezo será de 43 € con xantar e 25 € sen xantar. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 659 62 09 48.
Unha fin de semana con propostas para compartir, participar e desfrutar de Cabanas e da súa contorna en compañía da veciñanza.
