Fabiola García recibe os primeiros usuarios da nova residencia pública autonómica de Ferrol

A residencia, construída e financiada pola Fundación Amancio Ortega, conta con 120 prazas públicas e xa acolle os seus primeiros cinco residentes

Ferrol, 7 de outubro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá, acompañada polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, aos primeiros usuarios da nova residencia pública de maiores da cidade, construída e financiada pola Fundación Amancio Ortega e cedida á Xunta de Galicia.

O novo centro residencial conta con 120 prazas públicas e abriu recentemente as súas portas. A incorporación dos usuarios realizarase de maneira progresiva durante as próximas semanas, seguindo o proceso de adaptación dos residentes ás novas instalacións.

Actualmente, cinco persoas xa viven na residencia, todas elas procedentes de Ferrol e da súa contorna. A primeira residente en estrear o centro foi Carmen, veciña natural da cidade.

Durante a visita, Fabiola García destacou que a residencia de Ferrol se converte na quinta das sete proxectadas pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas que xa está en funcionamento. Os centros de Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña atópanse xa a pleno rendemento, aos que se suma agora o de Ferrol.

A conselleira puxo en valor a posta en marcha deste novo recurso público destinado á atención das persoas maiores e reiterou o agradecemento do Goberno galego á Fundación Amancio Ortega pola súa colaboración.

En concreto, Fabiola García agradeceu á entidade a súa «implicación e compromiso no ámbito social, especialmente coa atención ás persoas maiores», unha colaboración que permite ampliar a rede pública de atención residencial en Galicia.

Coa apertura desta residencia, Ferrol incorpora 120 novas prazas públicas para persoas maiores, dentro do proceso de ampliación dos recursos residenciais impulsado en Galicia.