A CMAT avanza na organización do VI Encontro de Turismo da Costa da Morte e na medición dos fluxos de visitantes

A Xunta Directiva da CMAT reuniuse no Museo do Mar de Laxe para abordar as principais actuacións previstas nos próximos meses

A Xunta Directiva da CMAT reuniuse onte no Museo do Mar de Laxe para avanzar nas principais liñas de traballo da entidade e abordar diferentes actuacións relacionadas coa promoción e xestión turística da Costa da Morte.

Un dos principais asuntos tratados durante a reunión foi a organización do VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, unha cita que este ano contará como novidade cun programa de actividades turísticas previas que se desenvolverán nos diferentes concellos do territorio.

O encontro busca así ampliar a participación e achegar a programación aos distintos municipios da Costa da Morte, poñendo en valor os recursos e experiencias turísticas que ofrece o territorio.

Primeiros contadores para coñecer os fluxos de visitantes

Durante a reunión tamén se avanzou na próxima instalación dos primeiros catro contadores propios da Costa da Morte, unha ferramenta que permitirá comezar a dispoñer de datos sobre os fluxos de visitantes en diferentes puntos do territorio.

A posta en marcha destes dispositivos supón un paso adiante na obtención de información propia sobre o comportamento dos visitantes e permitirá contar con datos que poderán contribuír á planificación e á toma de decisións en materia turística.

Estas actuacións están a desenvolverse ao abeiro das subvencións do convenio de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia e da subvención da Deputación da Coruña (DP0030).

Desde a CMAT continúase así traballando na mellora da coordinación turística do territorio, na promoción da Costa da Morte e na incorporación de novas ferramentas que permitan coñecer e xestionar mellor a actividade turística.