
O CDM Piragüismo Dumbría, XEAL e o Concello de Dumbría poñen en marcha un programa que emprega o deporte como ferramenta de benestar, actividade física e apoio mutuo
O barco dragón para mulleres que viviron un proceso de cancro de mama xa está en funcionamento en Dumbría. O CDM Piragüismo Dumbría, XEAL e o Concello de Dumbría formalizaron esta semana a posta en marcha desta iniciativa, que busca ofrecer un espazo estable de actividade física, convivencia e acompañamento a través do deporte.
O programa aposta polo piragüismo en equipo como unha ferramenta para favorecer o benestar das participantes e fomentar a creación de vínculos entre mulleres que atravesaron experiencias relacionadas co cancro de mama.
O barco dragón é unha embarcación colectiva na que as palistas reman de maneira coordinada ao ritmo marcado polo son do tambor. A dinámica do equipo converte cada saída nunha actividade compartida na que a coordinación, o exercicio físico e o apoio mutuo cobran especial protagonismo.
Desde as entidades impulsoras animan ás mulleres interesadas a coñecer e probar esta experiencia, concibida coas participantes como centro do proxecto.
As persoas interesadas en participar poden obter máis información e contactar co Concello de Dumbría ou co CDM Piragüismo Dumbría.
Con esta iniciativa, Dumbría incorpora unha nova proposta deportiva e social destinada a crear un espazo de encontro, actividade física e acompañamento para mulleres que viviron un proceso de cancro de mama.
