A Confraría de Pescadores de Corcubión retira máis de 700 quilos de lixo mariño dos bancos marisqueiros

Corcubión, setembro. A Confraría de Pescadores de Corcubión continúa avanzando no proxecto «Bancos marisqueiros de Corcubión sen lixo mariño», unha iniciativa destinada á limpeza e conservación dos espazos nos que se desenvolve a actividade marisqueira.

Ao longo do mes de setembro realizáronse catro xornadas de recollida activa de lixo mariño nos bancos marisqueiros situados na praia de Caneliñas, na praia de Cee e na zona do SICAR.

Como resultado destes traballos, foron retirados un total de 708,80 quilos de residuos mariños, principalmente plásticos e escombros. Estas actuacións contribúen a manter limpos os bancos marisqueiros, reducir a presenza de residuos no medio mariño e favorecer a conservación dos ecosistemas costeiros.

Desde a Confraría destacan a importancia deste tipo de actuacións para mellorar as condicións dos espazos naturais nos que se desenvolve a actividade marisqueira e, ao mesmo tempo, protexer os recursos dos que depende o sector.

«Coidar o mar é coidar do noso futuro» é o lema que resume o espírito deste proxecto, que pon o foco na protección do medio mariño como parte fundamental para garantir a continuidade dos recursos, do traballo e do futuro do marisqueo.

A Confraría de Pescadores de Corcubión continuará traballando na limpeza e conservación dos seus bancos marisqueiros, promovendo unha actividade máis sostible e comprometida coa protección do medio mariño.

O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar.