
O grupo socialista reclama explicacións ao alcalde no Pleno e medidas para evitar que a situación volva repetirse
O PSOE de Corcubión denuncia que o persoal municipal tivo que agardar sete días máis do habitual para recibir as súas nóminas. Segundo sinala a formación socialista, os arredor de corenta traballadores e traballadoras municipais recibiron finalmente os seus salarios este mércores.
Os socialistas cuestionan tamén as explicacións ofrecidas durante estes días para xustificar o atraso. Segundo o PSOE, inicialmente apuntouse á baixa da secretaria municipal como causa do problema; posteriormente falouse dun inconveniente relacionado cunha partida orzamentaria e, máis tarde, do horario para determinados trámites bancarios en ABANCA.
A formación sinala ademais que se chegou a asegurar que os salarios serían ingresados o luns ou, como moi tarde, o martes, algo que finalmente non aconteceu.
Para o PSOE de Corcubión, o problema non se limita ao atraso no pagamento, senón tamén á sucesión de explicacións diferentes ofrecidas ao longo da semana. A formación considera especialmente relevante a situación ao tratarse dos salarios do persoal municipal e do impacto que un atraso deste tipo pode ter nas economías familiares.
Os socialistas anuncian que no Pleno previsto para mañá reclamarán ao alcalde explicacións sobre o ocorrido e pedirán que se concreten as medidas que se adoptarán para evitar que unha situación semellante volva producirse.
O PSOE defende que o persoal municipal debe coñecer con claridade as causas que provocaron o atraso e que se establezan mecanismos que permitan garantir o pagamento das nóminas dentro dos prazos habituais.
