
A Xunta confirma, en resposta a unha pregunta parlamentaria de Óscar Insua, que o servizo que se prestaba no centro de saúde de Carnota foi trasladado ao PAC de Muros
Carnota, 8 de outubro de 2026. O BNG de Carnota denuncia a decisión da Xunta de Galicia de eliminar a atención sanitaria de urxencias que se viña prestando os sábados pola mañá no centro de saúde da localidade. A formación nacionalista reclama explicacións ao Goberno galego e critica tamén a falta de información por parte do executivo municipal.
A confirmación chega a través dunha resposta escrita da Xunta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Óscar Insua, despois de que a formación nacionalista advertise xa no mes de abril da situación.
Segundo explica o Goberno galego, o Decreto 31/2026, de abril deste ano, modificou o plan de urxencias extrahospitalarias e estableceu o funcionamento durante 24 horas dos puntos de atención continuada (PAC) os sábados. Como consecuencia deste cambio, a atención urxente que se prestaba durante as mañás dos sábados nos centros de saúde pasou a concentrarse nos PAC de referencia.
No caso de Carnota, o centro de referencia é o PAC de Muros, polo que as persoas que precisen atención sanitaria urxente durante as mañás dos sábados deberán continuar desprazándose ata esta localidade.
O BNG considera que esta decisión supón un prexuízo para a veciñanza, especialmente polo incremento dos desprazamentos, o tempo necesario para acceder á atención sanitaria e os gastos económicos asociados.
“Ante a falta de información por parte do goberno municipal, desde o BNG de Carnota actuamos para que a veciñanza saiba cal é a situación do servizo sanitario e da atención médica dos sábados pola mañá”, afirmou o candidato do BNG de Carnota á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, Primitivo Pedrosa.
O candidato nacionalista criticou tamén a actuación do executivo municipal ante esta situación. “Non se pode entender a falta de interese e o desleixo do equipo de goberno ante un problema tan grave como é a falta de servizos públicos no noso municipio debido ás políticas do Partido Popular”, sinalou.
Pedrosa vinculou esta situación coa perda doutros servizos sanitarios no municipio e lembrou que, segundo denuncia o BNG, “xa levamos máis de dous anos sen que as familias de Carnota teñan un especialista en pediatría para as súas crianzas”.
“A Xunta énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a realidade é que están desmantelando os servizos pouco a pouco”, afirmou o candidato nacionalista, que considera a eliminación da atención sanitaria dos sábados pola mañá un novo exemplo desta situación.
Finalmente, Pedrosa advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, pode ter a perda progresiva de servizos públicos para o futuro do municipio. “A este paso o despoboamento irá a máis e imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos”, concluíu.
