Cabanas incorpora un novo tractor cortacéspede para mellorar o mantemento das zonas verdes

O Concello de Cabanas vén de recibir un novo tractor cortacéspede que permitirá optimizar os traballos de corte e mantemento das zonas verdes do municipio, reducindo os tempos de execución e mellorando a eficiencia dos servizos municipais.

A nova máquina conta con dúas coitelas e unha maior velocidade de traballo, o que permitirá axilizar as tarefas en espazos como o campo do Piñeiral ou o Parque do Areal. Ata o de agora, o corte do céspede nun só destes espazos requiría un mínimo de dúas xornadas laborais co cortacéspede actual, de menor rendemento.

Ademais, ao estar matriculado, o novo tractor poderá circular por estrada, facilitando os desprazamentos ata as distintas zonas de traballo sen necesidade de empregar remolques pesados. Esta característica permitirá mellorar a loxística e axilizar o traballo diario dos servizos municipais.

A adquisición supuxo un investimento de 17.998,75 euros, IVE incluído, financiado nun 75 % mediante unha subvención da Xunta de Galicia.

O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, destacou o esforzo que está a realizar o Concello para dotar os servizos municipais de ferramentas e medios máis eficientes, co obxectivo de seguir mellorando o municipio e realizar máis tarefas, e de maior alcance, en menos tempo.

Esta incorporación súmase á recente recepción dun remolque hidrolavadora e á adquisición, nos últimos meses, dunha retroescavadora, unha furgoneta para obras, un vehículo para servizos sociais e unha zodiac para Protección Civil. Todas estas incorporacións contaron con subvencións para o seu financiamento, reforzando os medios materiais cos que o Concello presta servizos á veciñanza.