
Marta Villaverde e Juan Carlos Codesido acompañaron a representación galega no acto central do Día da Festa Nacional, que permitiu amosar os medios e as capacidades do servizo autonómico.
Madrid, 12 de outubro de 2026.– A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido, asistiron desde a tribuna de autoridades ao desfile central do Día da Festa Nacional, celebrado en Madrid, no que o servizo público galego participou por primeira vez.
A presenza de Gardacostas neste acto supón un fito para o organismo, que se distingue por ser o único servizo de titularidade autonómica en España que opera con competencias e medios propios para o salvamento marítimo, a resposta ante episodios de contaminación e a vixilancia dos recursos pesqueiros.
A representación galega integrouse no escalón motorizado civil cunha mostra dos medios técnicos e humanos que traballan habitualmente nas augas da comunidade. A comitiva estivo composta por tres vehículos todoterreo destinados ao transporte de mandos do servizo, equipos para a recollida e contención de verteduras, unha embarcación auxiliar rápida para intervencións urxentes e un transporte especial cunha lancha patrulleira de 18 metros de eslora, acompañada pola súa tripulación.
O percorrido pola Castellana permitiu achegar ao público a capacidade operativa de Gardacostas de Galicia e visibilizar o traballo que desenvolve diariamente na protección do litoral galego. As súas funcións abranguen desde o auxilio no mar e a atención a emerxencias ambientais ata a vixilancia das actividades pesqueiras e a conservación dos recursos mariños.
Con esta primeira participación no desfile do 12 de outubro, Gardacostas de Galicia proxectou en Madrid a profesionalidade do seu persoal e os medios cos que contribúe á seguridade marítima, á protección ambiental e á defensa dos intereses pesqueiros de Galicia.

