
A programación, que se desenvolverá ata o 31 de outubro, inclúe teatro, títeres, conferencias, presentacións literarias e propostas divulgativas arredor do legado do escritor
A Xunta de Galicia colabora nas XXVIII Xornadas de Homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, que se celebran na Pobra do Caramiñal con máis dunha ducia de actividades gratuítas e dirixidas a todos os públicos ata finais de outubro. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación desta cita, xa consolidada no calendario cultural galego tras máis de 25 anos de celebración ininterrompida.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno galego con esta iniciativa e puxo en valor o traballo do Museo Valle-Inclán para manter viva a memoria e o legado literario dunha das figuras máis relevantes da cultura galega, que continúa a ser unha referencia para dramaturgos de todo o mundo.
A programación abrangue propostas de artes escénicas, actividades académicas e iniciativas de divulgación cultural. Nesta edición, un dos eixes centrais será o centenario da publicación de Tirano Banderas (1926), novela escrita polo autor na propia vila pobrense.
Teatro, literatura e divulgación cultural
As xornadas comezarán este venres, ás 20.00 horas, no centro de estudos do Museo Valle-Inclán, coa presentación do número 4 da Revista Foro Galicia e Valle-Inclán, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina.
O sábado haberá dúas propostas escénicas. Ás 12.30 horas, Títeres Alakran representará a peza de rúa A Rosa de Papel no cantón da Leña, na rúa do Extremo e na Alameda. Pola tarde, ás 20.00 horas, o Teatro Elma acollerá a representación de Luces de Bohemia, a cargo da compañía madrileña Tirinto & Co.
O domingo 18 celebrarase unha ruta guiada en autobús pola serra do Barbanza para descubrir o patrimonio cultural e os escenarios que inspiraron o escritor. A actividade estará conducida por Sara Barbazán Domínguez, sairá ás 11.00 horas e requirirá inscrición previa no museo.
A programación académica continuará o mércores 21 de outubro, ás 20.00 horas, no centro de estudos do museo, coa conferencia Pazo es. Unha poética do espazo aplicada á arquitectura pacega a través da literatura, impartida por Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
O sábado 24 de outubro, ás 12.30 horas, presentarase a edición facsimilar de Sonata de Outono, con prólogo de Xaquín del Valle-Inclán. Xa ás 20.00 horas, o Teatro Elma proxectará a adaptación cinematográfica de Tirano Banderas, dirixida en 1993 por José Luis García Sánchez.
As propostas teatrais continuarán o domingo 25 de outubro, ás 20.00 horas, no mesmo espazo, coa estrea de Josefina máis eu, unha montaxe de Teatro En Punto dirixida por Gloria Rico Galán a partir de textos de Margarita Nelken e Carmen de Burgos sobre a vida de Josefina Blanco.
Tirano Banderas, tamén para o público escolar
As actividades reservan un espazo específico para a comunidade educativa. Os días 27 e 28 de outubro, ás 11.30 horas, Teatro Cachirulo achegará ao alumnado de Primaria unha adaptación de monicreques de Tirano Banderas. As representacións estarán dirixidas, respectivamente, aos centros educativos Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.
Ofrenda cívica e peche das xornadas
A xornada central terá lugar o venres 30 de outubro, coincidindo coa conmemoración do nacemento do autor. A partir das 12.30 horas, o grupo GMT Caraveiros animará as rúas do centro da vila cun pasarrúas de música tradicional, que culminará ás 13.00 horas coa tradicional ofrenda cívica diante do monumento a Valle-Inclán, no cantón da Leña.
O programa pecharase o sábado 31 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Elma, coa representación de Retablo do Esperpento, de Noitebras Teatro, unha proposta que adapta as obras Ligazón e A rosa de papel.
Con esta nova edición, a Pobra do Caramiñal reafirma o seu vínculo coa figura de Valle-Inclán e a súa aposta por achegar a súa obra e o seu legado a públicos de todas as idades a través da literatura, o teatro e a divulgación cultural.
