
A programación amplíase a cinco días con proxeccións, coloquios, obradoiros, música en directo e actividades para todos os públicos. Manolo González recibirá o Premio FOCO á Traxectoria e a nova sección DaCasa dará visibilidade ao talento audiovisual da mocidade da comarca.
Padrón, 13 de outubro de 2026. Padrón converterase desde mañá, mércores 14, e ata o domingo 18 de outubro nun punto de encontro arredor do cinema galego coa celebración da segunda edición da Mostra de Cinema Galego FOCO. Tras a boa acollida da primeira convocatoria, o festival amplía a súa duración de tres a cinco días e incorpora novas propostas culturais, educativas e de divulgación audiovisual en diferentes espazos da vila.
O Concello de Padrón presentou hoxe a programación na Praza de Macías, nun acto no que participaron o alcalde, Anxo Arca; a concelleira de Cultura, Yolanda Castro; e Fernando Rodríguez, Peñaño, e Ismael Romarís, integrantes do colectivo FOCO. Durante a presentación inaugurouse tamén a exposición dedicada a José Gil, pioneiro do cinema galego, que permanecerá aberta ao público na praza ata o 19 de outubro.
A programación combinará proxeccións cinematográficas, encontros con profesionais, coloquios, obradoiros e actuacións musicais, con actividades destinadas á veciñanza de todas as idades. A mostra reforza ademais a súa dimensión educativa coa participación do alumnado do CEIP Rosalía de Castro e do IES Camilo José Cela.
Unha homenaxe a Manolo González e ao patrimonio audiovisual galego
Un dos momentos destacados desta segunda edición será a entrega do Premio FOCO á Traxectoria a Manolo González, primeiro director da Filmoteca de Galicia e figura fundamental na conservación, recuperación e divulgación da memoria audiovisual galega.
O recoñecemento terá lugar o venres 16 de outubro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo, durante unha sesión na que se proxectará o documental José Gil, fotógrafo e pioneiro, dirixido por Miguel Romero.
O público poderá descubrir tamén Voda en Padrón, 1929, unha filmación de tres minutos atribuída a José Gil que conserva imaxes dunha celebración na vila hai case un século. A peza permitirá achegarse á historia local a través dun valioso testemuño audiovisual.
A figura de José Gil protagoniza igualmente a exposición inaugurada este martes na Praza de Macías, unha das novidades da edición, coa que FOCO reivindica os comezos do cinema galego e a importancia de preservar o seu legado.
Cinco días de cinema, memoria e creación
A mostra abrirase o mércores 14, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal de Padrón coa proxección de As liñas descontinuas, longametraxe de Anxos Fazáns recoñecida co Premio DAMA ao Mellor Guión de Película Española no Festival de Xixón e con once candidaturas aos Premios Mestre Mateo.
O xoves 15, o festival achegarase ao alumnado do CEIP Rosalía de Castro coa curtametraxe A Marola, de Ángel de la Cruz, seguida dunha conversa con Barry Elhadj, refuxiado de Guinea-Conakry. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá San Simón, de Miguel Ángel Delgado, un filme sobre a represión franquista na illa que dará paso a un coloquio con Mila Bouzón, investigadora e activista pola memoria histórica.
O venres 16, o alumnado do IES Camilo José Cela participará pola mañá na proxección do documental Ao son da nova regueifa e nun obradoiro impartido por Pinto d’Herbón e Luís O Caruncho. Pola tarde, o Centro de Día Iglemen será escenario de Recollendo memoria, unha iniciativa de gravación oral coas persoas usuarias destinada a conservar e poñer en valor a memoria colectiva.
A programación do sábado 17 comezará cunha masterclass de animación impartida por Max Puentes no Espazo Natur Hall Finsa. O profesional conta con máis de vinte anos de experiencia internacional e participou en producións cinematográficas e proxectos vinculados aos videoxogos.
Pola tarde, a actividade trasladarase á Fundación Rosalía de Castro, onde ás 18.00 horas se proxectará a curtametraxe BASAL, seguida dun coloquio coa súa directora, Ugía Pedreira. A xornada pecharase cun concerto do trío Factoría de Subsistencia, liderado polo actor Josito Porto.
DaCasa, unha nova xanela para o talento audiovisual da mocidade
A segunda edición de FOCO incorpora como novidade a sección DaCasa, un espazo pensado para visibilizar o traballo e as experiencias da mocidade creadora da comarca.
A estrea terá lugar o domingo 18, ás 18.00 horas, no Paraninfo da Fundación Camilo José Cela, coa participación de Laura Sixto, de Padrón; Zeltia Iglesias, de Rois; e Telmo Portas, de Pontecesures.
A padronesa Laura Sixto compartirá a súa traxectoria profesional no sector audiovisual, onde participou en proxectos como a serie Rapa. Tamén falará da súa experiencia como xefa de produción no videoclip Fai Tempo, do grupo The Rapants, así como doutros traballos nos que participa actualmente.
Con esta nova sección, a mostra busca crear un espazo de encontro entre a creación emerxente e o público, achegando as experiencias de profesionais novos e novas da contorna e contribuíndo a fortalecer o tecido audiovisual local.
A despedida do festival chegará ese mesmo domingo cunha actuación da St. James Dixie Band polas rúas de Padrón, prevista para as 13.00 horas, antes da estrea de DaCasa pola tarde.
Unha mostra aberta á veciñanza
A programación da II Mostra de Cinema Galego FOCO desenvolverase en distintos espazos do municipio, aos que este ano se incorpora a Fundación Camilo José Cela. A colaboración dos centros educativos permitirá, ademais, reforzar a dimensión formativa e divulgativa do festival, achegando o cinema e a memoria audiovisual ás novas xeracións.
Todas as actividades serán gratuítas ata completar a capacidade dos espazos, nunha aposta por facilitar o acceso á cultura e achegar o cinema galego tanto á veciñanza como ás persoas visitantes que se acheguen a Padrón durante estes días.
Con cinco xornadas de proxeccións, reflexión, formación e música, FOCO consolídase como unha iniciativa para reivindicar o patrimonio audiovisual galego, impulsar a creación contemporánea e promover o encontro cultural arredor do cinema.

