
A mobilización reclama a protección do río Anllóns e coincide coa solicitude de información ambiental presentada pola Asociación Terra de Soandres sobre o proxecto.
A Laracha, 13 de outubro de 2026.– Un centenar de veciños e veciñas da Laracha concentráronse este martes diante da sede de Augas de Galicia, na Coruña, para expresar o seu rexeitamento á macroplanta de biogás proxectada na parroquia de Soandres e reclamar a protección do río Anllóns, ante as posibles consecuencias ambientais e sobre a saúde que, ao seu xuízo, podería ter a instalación.
A protesta comezou ás 11.00 horas e reuniu a persoas preocupadas polo impacto que o proxecto podería provocar no río Anllóns, un dos elementos clave na avaliación das afeccións da futura planta. Durante a concentración, os asistentes corearon consignas como «Biogás así non. Morremos nós e morre o Anllóns», para reclamar que se teñan en conta os posibles riscos ambientais e sociais da instalación.
Terra de Soandres solicita información ambiental
Aproveitando a mobilización, a Asociación veciñal, ecoloxista e cultural Terra de Soandres presentou ante Augas de Galicia un escrito no que solicita información ambiental, acceso ao informe elaborado por este organismo autonómico durante o proceso de autorización da macroplanta e aclaracións sobre as posibles afeccións ao dominio público hidráulico.
A iniciativa pretende coñecer o contido da documentación técnica e os criterios empregados para avaliar o impacto do proxecto sobre os recursos hídricos, especialmente no relativo ao río Anllóns.
Desde a Plataforma Stop Biogás A Laracha sinalan que, despois de numerosos intentos de trasladar os seus argumentos legais, ambientais e sociais ás administracións implicadas, consideran necesario retomar as mobilizacións cidadás.
«Toca volver saír á rúa e mostrar que a veciñanza quere participar e ser tida en conta nas decisións que lle afectan», afirman desde a Plataforma.
Concienciación ambiental e participación veciñal
Ademais das accións de protesta, a Plataforma continúa desenvolvendo actividades de sensibilización ambiental dirixidas á cidadanía, co obxectivo de dar a coñecer o valor ecolóxico do río Anllóns e os posibles efectos da macroplanta proxectada.
Unha destas iniciativas tivo lugar o pasado sábado durante a XVI Festa Gastronómica, celebrada no campo de fútbol de Vista Alegre, a escasos metros da localización prevista para a instalación. A actividade, organizada pola Asociación Santa Lucía de Soandres, contou coa participación de integrantes da Plataforma, que realizaron un obradoiro e un concurso infantil arredor do río Anllóns e dos posibles impactos do proxecto.
Con estas accións, a Plataforma Stop Biogás A Laracha busca manter activa a participación social e reclamar transparencia, información ambiental e garantías de protección para o río Anllóns e a contorna de Soandres.
