
Cabanas, do venres 16 ao domingo 18. A programación cultural de Cabanas ofrece esta fin de semana unha ampla variedade de actividades para gozar da tradición, a cultura, a música e o encontro veciñal. A axenda inclúe citas gastronómicas, unha excursión a Mondoñedo, o tradicional magosto de San Martiño de Porto, unha nova sesión do Ciclo do Teatro, unha andaina polo Lago das Pontes e unha conversa arredor da neurodiversidade.
A programación arrinca o venres 16, ás 21.15 horas, coa cea de veciños de San Martiño de Porto no restaurante Los Molinos. Unha cita xa tradicional que suma un ano máis de encontros e convivencia veciñal.
O sábado 17 comezará cunha proposta para descubrir e celebrar as tradicións galegas. Ás 09.30 horas, a A.D.C. Poceira Sport organiza unha excursión á Festa de San Lucas, en Mondoñedo, cunha xornada que combinará tradición, xantar e diversión.
Xa pola tarde, ás 17.30 horas, o local social do C.C.R.D. San Martín do Porto acollerá a celebración do magosto, con actividades pensadas especialmente para os máis pequenos. A programación infantil incluirá pintacaras, globoflexia, cociña terrorífica e a elaboración dun morcego voador, ademais dunha merenda de castañas e chocolate. A festa continuará ás 21.30 horas con animación musical para adultos e liscos para tomar, nunha proposta que convida á participación de toda a veciñanza.
A oferta cultural do sábado completarase co Ciclo do Teatro, que ás 19.30 horas ofrecerá unha nova sesión coa representación de Anacos, da compañía Producións Artísticas ITACA, S.L.
O domingo 18 será a quenda da actividade ao aire libre coa andaina «Paseo da Memoria» polo Lago das Pontes, organizada pola Asociación Veciñal de Irís. A saída está prevista para as 09.00 horas desde a Casa do Concello da Capela, con transporte por medios propios. As persoas participantes poderán escoller entre dous percorridos, de 17 ou 8,5 quilómetros, e compartir posteriormente un xantar na Cervecería Medulio. A organización ofrece máis información no cartel da actividade.
A fin de semana pecharase cunha proposta de reflexión e diálogo. Ás 17.00 horas, a Casa da Cultura acollerá «Piadoiro: o problema é o molde», unha conversa con Alex Prieto Mateus, director da curtametraxe de animación Kill Everyone and Cry Afterwards, e coa participación de Neuronais – Familias pola Neurodiversidade. O encontro abordará cuestións relacionadas coa neurodiversidade e coa maneira en que a sociedade entende e afronta as diferenzas.
Con esta programación, Cabanas ofrece unha fin de semana diversa na que a convivencia veciñal, as tradicións populares, as artes escénicas, a actividade física e a inclusión social comparten protagonismo.
