Vimianzo celebra a Semana da Biblioteca con contacontos e espectáculos para o público infantil

O alumnado dos centros educativos do municipio participará os días 20 e 21 de outubro en actividades de animación á lectura na Biblioteca Municipal.

Vimianzo, 14 de outubro de 2026. O Concello de Vimianzo conmemora a Semana da Biblioteca cunha programación especial dirixida ao público infantil, que terá lugar os días 20 e 21 de outubro na Biblioteca Municipal, situada na Casa da Cultura. A iniciativa inclúe sesións de contacontos e espectáculos co obxectivo de fomentar o gusto pola lectura desde as primeiras idades.

A programación comezará o martes 20 de outubro con dúas propostas. Ás 10:30 horas, Raquel Queizás presentará Raposadas, mentres que ás 11:00 horas Anxo Moure ofrecerá o espectáculo O carballo con botas.

As actividades continuarán o mércores 21 de outubro, ás 10:30 horas, coa actuación do Mago Errante e o seu espectáculo A maxia dos libros, unha proposta que combina maxia e literatura para achegar o mundo dos libros aos máis pequenos.

Nesta iniciativa participará alumnado da EEI de Carantoña, do CEIP San Vicenzo, da Escola Infantil Municipal Os Vimianziños e do CEIP Baiñas. A través destas actividades, o Concello busca promover hábitos lectores desde a infancia e converter a lectura nunha experiencia lúdica, participativa e atractiva.

A programación conta co financiamento do programa «Ler conta moito» da Xunta de Galicia, destinado a impulsar a lectura e dinamizar as bibliotecas públicas.

Con esta proposta, o Concello de Vimianzo súmase á celebración do Día da Biblioteca, que se conmemora o 24 de outubro, e pon en valor o papel destes espazos como lugares de aprendizaxe, encontro e acceso á cultura.