Representantes do BNG de Bergantiños e da Costa da Morte levan ao Parlamento Europeo as demandas do rural galego

Cristina Vázquez e Xurxo Rodríguez participan en Bruxelas nunha conferencia sobre agricultura, cohesión territorial e dereito a vivir na terra

Bergantiños-Costa da Morte, 15 de outubro de 2026. Representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Bergantiños e da Costa da Morte participan este xoves nunha conferencia no Parlamento Europeo centrada nas políticas comunitarias de agricultura, cohesión territorial e desenvolvemento rural, co obxectivo de trasladar ás institucións europeas as necesidades e reivindicacións destes territorios.

A delegación galega conta coa presenza de Cristina Vázquez del Prisco, portavoz municipal do BNG en Laxe, e Xurxo Rodríguez Baña, concelleiro nacionalista en Camariñas, que participan nas xornadas coorganizadas pola eurodeputada Ana Miranda baixo o título «Agricultura e Políticas de Cohesión Territorial: Dereito a Ficar na Terra, Vivenda, Transporte e Servizos Públicos».

A iniciativa reúne representantes do BNG de diferentes zonas de Galicia afectadas polo despoboamento, a falta de remuda xeracional e o deterioro dos servizos públicos. Ademais, a delegación manterá encontros de traballo co director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Ricard Ramon, para trasladarlle as demandas do sector agrogandeiro galego ante as negociacións sobre o futuro orzamento da Política Agraria Común (PAC).

Defender o dereito a vivir na terra

Cristina Vázquez destacou a importancia de garantir condicións de vida dignas no rural e de ofrecer oportunidades á mocidade para que poida desenvolver o seu proxecto de vida sen verse obrigada a marchar.

«En Laxe sabemos ben o que significa defender o dereito a vivir na nosa terra. Significa que a nosa mocidade poida construír aquí o seu futuro, que haxa vivenda accesible, servizos públicos de calidade e oportunidades para vivir e traballar sen ter que marchar», afirmou. Tamén incidiu na necesidade de garantir que as persoas maiores poidan permanecer nas súas localidades e recibir os coidados que precisan con dignidade e garantías.

A representante nacionalista subliñou que defender o rural implica tamén protexer os núcleos de poboación, a actividade do mar e o futuro das parroquias. «Non queremos que Laxe sexa só un lugar atractivo para visitar, queremos que siga sendo, por riba de todo, un lugar no que poder vivir», reivindicou.

Pola súa banda, Xurxo Rodríguez puxo o foco nos problemas compartidos por Bergantiños e a Costa da Morte, entre eles o despoboamento, o envellecemento, as dificultades para acceder á vivenda, a falta de oportunidades laborais para a mocidade e as carencias nos servizos públicos e nas comunicacións.

O concelleiro de Camariñas defendeu a necesidade de garantir que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto vital no territorio, mantendo activos os sectores produtivos e fortalecendo as comunidades locais. Neste sentido, considerou fundamental que a realidade destas comarcas sexa coñecida e tida en conta nas decisións adoptadas polas institucións europeas.

O futuro dos fondos europeos, no centro do debate

A eurodeputada Ana Miranda destacou o papel da delegación galega na defensa dos intereses do rural e dos sectores produtivos de Galicia ante a Comisión Europea. «Ou vén o Bloque con esta delegación galega a falar directamente coa Comisión Europea, ou ninguén nos defende en Europa; no BNG somos a voz do agro e das nosas vilas en Europa», afirmou.

Miranda tamén incidiu na importancia das negociacións sobre o próximo marco financeiro plurianual da Unión Europea e na posibilidade de que os concellos poidan xestionar directamente os fondos comunitarios. Segundo explicou, o BNG defende esta opción fronte á centralización que atribúe á proposta da Comisión Europea e á posición do Partido Popular Europeo.

A participación dos representantes de Bergantiños e da Costa da Morte busca, así, situar no debate europeo cuestións fundamentais para o futuro destas comarcas, como o acceso á vivenda, os servizos públicos, as infraestruturas, o apoio aos sectores produtivos e a fixación de poboación. O obxectivo é que as políticas comunitarias contribúan a garantir que vivir e traballar no rural galego sexa unha opción real, con oportunidades e servizos suficientes para todas as xeracións.