
Unha nena de 12 anos resultou ferida leve este xoves pola mañá tras ser atropelada por un vehículo na rotonda da ponte da Pasaxe, na Coruña, en sentido de entrada ao centro da cidade. O accidente produciuse cando a menor cruzaba por un paso de peóns regulado.
A vítima non quedou atrapada e foi atendida polos servizos sanitarios desprazados ata o lugar do suceso. Posteriormente, foi trasladada ao Hospital Materno para recibir asistencia médica.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 07:53 horas e alertou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Local da Coruña para que acudisen ao lugar e atendesen a incidencia.
Segundo a información dispoñible, as lesións sufridas pola menor eran de carácter leve.
