
O Local Sociocultural de Xornes acollerá o vindeiro sábado, 17 de outubro, a Homenaxe aos Regueifeiros do Concello de Ponteceso, unha iniciativa organizada polo Concello de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal para poñer en valor a tradición oral galega e recoñecer o legado dos seus regueifeiros.
A xornada converterase nun espazo de celebración da regueifa, unha das expresións máis singulares da cultura popular galega, que destaca pola improvisación oral, a agudeza e o enxeño dos seus intérpretes.
A programación incluirá unha presentación, diversas actuacións, unha regueifa de homenaxe, recoñecementos e honras, entre outras propostas destinadas a render tributo ás persoas que contribuíron a manter viva esta tradición ao longo das xeracións.
Os actos darán comezo ás 18.00 horas, mentres que a homenaxe central terá lugar a partir das 19.00 horas.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal buscan reivindicar o valor da regueifa como parte esencial do patrimonio cultural galego e agradecer o labor dos regueifeiros na conservación e transmisión da identidade, da memoria e da creatividade popular.
A cita terá lugar no Local Sociocultural de Xornes e está dedicada a celebrar unha tradición que continúa a formar parte da identidade cultural de Ponteceso e de Galicia.
