
O voceiro socialista foi elixido por unanimidade por terceira vez consecutiva como candidato á Alcaldía de Malpica de Bergantiños.
Malpica de Bergantiños, 15 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Malpica de Bergantiños volverá confiar en Walter Pardo Añón para encabezar a candidatura socialista nas eleccións municipais de 2027. O actual voceiro do grupo municipal foi elixido por unanimidade nunha reunión da agrupación local celebrada o pasado domingo, polo que será candidato á Alcaldía por terceira vez consecutiva.
Pardo Añón afronta esta nova etapa coa intención de impulsar un cambio de rumbo no Concello, centrado na atención ás necesidades da veciñanza, na mellora dos servizos públicos básicos e no mantemento das infraestruturas municipais.
«O noso obxectivo é traballar por un concello que non deixe de lado as necesidades básicas da veciñanza, que escoite os seus veciños e veciñas e que planifique o futuro con responsabilidade, proximidade e compromiso», manifestou o candidato socialista.
Desde o PSdeG de Malpica destacan que a continuidade de Walter Pardo Añón á fronte da candidatura responde á vontade de consolidar o traballo desenvolvido polo grupo municipal ao longo dos últimos anos e de seguir construíndo unha alternativa política para o municipio.
A formación socialista aposta así por dar continuidade ao seu proxecto de cara aos comicios de 2027, coa intención de ofrecer respostas ás principais preocupacións da cidadanía e situar as necesidades dos veciños e veciñas no centro da acción municipal.
