
A Plataforma Stop Biogás A Laracha denuncia que a regulación anunciada polo alcalde tras a reunión mantida este luns non responde ao problema da macroplanta proxectada en Soandres e reclama unha moratoria e unha normativa específica para este tipo de instalacións.
Segundo explica a plataforma nun comunicado, o luns 19 foi convocada a unha reunión co alcalde da Laracha sen coñecer previamente os temas que se ían tratar. Durante o encontro, o rexedor informoulles superficialmente do inicio dunha regulación das plantas de biogás con criterios sustentables. A plataforma solicitou máis detalles, pero asegura que non obtivo respostas concretas, aínda que se lle deu a entender que a medida podería beneficiar a súa loita contra a macroplanta de Soandres.
Porén, tras analizar a disposición este martes 20, a plataforma afirma que a medida á que se fixo referencia é a «Disposición adicional sexta: Estratexia galega de fomento de pequenas plantas de biogás vinculadas ao sector agrogandeiro», dirixida a instalacións que xestionan menos de 25.000 toneladas de residuos e están vinculadas ao sector agrogandeiro.
A organización considera que esta iniciativa non supón unha regulación específica das macroplantas como a proxectada na Laracha, cunha capacidade de tratamento de entre 60.000 e 100.000 toneladas de residuos anuais.
Reclaman unha moratoria e unha regulación específica
A plataforma esixe unha moratoria e unha regulación real para as grandes instalacións de biogás que, segundo denuncia, non só procesan puríns, senón tamén soro lácteo, residuos SANDACH (subprodutos animais non destinados ao consumo humano), lodos de depuradoras e residuos de conserveiras e matadoiros.
Asegura que o impacto destas industrias no medio rural pode poñer en risco a saúde pública da veciñanza e insiste na necesidade de medidas que dean resposta á dimensión e ás características destas instalacións.
Ademais, a plataforma lembra que o Concello dispón, ao seu xuízo, dunha ferramenta para actuar: a suspensión cautelar do outorgamento de licenzas para este tipo de industrias de residuos. Denuncia que esta medida non foi aprobada no Pleno ordinario de setembro.
«Non nos tragaremos supostas solucións e medias verdades», afirma a organización, que asegura contar co apoio dunha veciñanza informada e mobilizada.
Nova manifestación o 7 de novembro
Mentres continúa a súa loita pola vía administrativa, a Plataforma Stop Biogás A Laracha anuncia unha nova gran manifestación para o sábado 7 de novembro, en defensa do río Anllóns, da saúde pública e do futuro da comarca.
A convocatoria está dirixida a toda a sociedade de Bergantiños, á que chama a mobilizarse contra o proxecto da macroplanta de biogás en Soandres.
A plataforma conclúe o seu comunicado cunha mensaxe clara: «BIOGÁS NA LARACHA NON!»
