
A asociación fai un chamamento á colaboración veciñal para identificar as persoas responsables e poñer fin a uns actos que afectan á imaxe e á convivencia na aldea.
A Asociación Cultural e Deportiva (ACD) San Xulián de Seaia, en Malpica de Bergantiños, expresou o seu malestar pola presenza reiterada de pintadas e grafitis na Casa da Cultura e en propiedades privadas da localidade, unha situación que, segundo denuncia a entidade, se vén producindo desde hai anos.
Baixo a mensaxe «Estamos fartos!», a asociación quere facer pública unha problemática que considera inaceptable e que afecta tanto a espazos de uso colectivo como a bens particulares da veciñanza.
Desde a ACD San Xulián reclaman respecto polo patrimonio común e polas propiedades dos veciños e veciñas. A entidade considera que estes actos deterioran os espazos da aldea e prexudican a convivencia, polo que pide que non se normalicen nin se repitan.
A asociación sinala que xa trasladou a situación ao Concello, que ten coñecemento dos feitos. Ante esta circunstancia, decidiu dar un paso máis e facer un chamamento público á colaboración cidadá para tratar de identificar as persoas responsables.
En concreto, solicita que calquera persoa que presenciase algunha destas accións ou dispoña de información útil a poña en coñecemento das autoridades e presente a correspondente denuncia.
«Mirar cara a outro lado non soluciona o problema», advirte a entidade, que insiste na importancia da implicación veciñal para evitar que se sigan producindo estes actos.
A ACD San Xulián acompaña a súa denuncia con imaxes das pintadas rexistradas, co obxectivo de visibilizar unha situación que, segundo afirma, leva anos afectando á Casa da Cultura e a propiedades privadas de Seaia.
A asociación apela así á responsabilidade colectiva para preservar os espazos compartidos, respectar os bens particulares e garantir unha mellor convivencia na aldea.










